Enreguéifate

WEB
Xeral

A improvisación oral en verso está sendo utilizada desde hai tempo como recurso educativo e para a normalización da lingua nos ámbitos xuvenís. Grazas ao traballo en rede de diversas entidades públicas e privadas, un elemento do noso patrimonio inmaterial que estivo a piques de ficar no esquecemento adquiriu vitalidade e entroncou con valores e intereses plenamente vixentes na mocidade actual.

 

O potencial da regueifa como recurso para mellorar as habilidades lingüísticas orais é evidente. Porén, esta forma de comunicación demostrou tamén a súa utilidade para mellorar actitudes e promover comportamentos positivos en relación coa igualdade, a ecoloxía etc., na vertente que se deu en chamar regueifa 2.0.

 

O Concello de Santiago, xunto cos de Ames, Teo, Carballo e Pontevedra, organiza o programa Enreguéifate para promover e divulgar esta forma de improvisación e contribuír ao movemento que a está a impulsar.

 

O obxectivo principal do programa é que a cidadanía entre en contacto coa regueifa e con outras formas de improvisación oral a través da experiencia, con especial atención ao ámbito educativo.

 

Inclúe accións formativas para alumnado e profesorado (obradoiros de regueifa e xornadas), un certame regueifeiro e un encontro festivo.

 

No enderezo www.enregueifate.gal poden atoparse a información de cada convocatoria.

 

En Compostela ofrécese aos centros de ensino a posibilidade de contar cos obradoiros regueifeiros. A convocatoria envíaselles por correo electrónico cos detalles de calendario e procedemento para a inscrición.

 

Para participar no certame cómpre unicamente enviar un vídeo no que, cando menos dúas persoas, poñan en práctica a súa capacidade regueifeira. Ademais de competiren por recompensas simbólicas á regueifa máis brava, á máis reivindicativa, aguda, diversa ou á mellor cantada ou falada, estas pezas audiovisuais divúlganse a través das redes como outra maneira e contribuír aos obxectivos do proxecto. Os concellos convocantes organizan un acto festivo para entregar os agasallos aos participantes e, asemade, participar nunha mostra das posibilidades da improvisación.

 

Dirixido a: 

Centros escolares
Público en xeral