Entrega dos VII Premios Enreguéifate

Ensino
Mocidade
Xeral
03/04/2024

O Teatro Principal de Santiago de Compostela acolleu o 3 de abril a entrega dos VII Premios Enreguéifate. O  proxecto colaborativo Enreguéifate, desenvolvido polos concellos de Ames, Carballo, Pontevedra, Santiago de Compostela e Teo impulsa a difusión da improvisación oral en verso: a regueifa.

Máis de 300 persoas asistiron á entrega dos premios aos vídeos de regueifas escollidas neste certame do curso 2023-2024. A gala foi conducida polas regueifas de Manolo Maseda (mestre, músico e regueifeiro), Séchu Sende (mestre, escritor e regueifeiro), Lupe Blanco (regueifeira), Josinho da Teixeira (regueifeiro) e Nuria das Cruces (regueifeira). Tampouco faltou a música que achegou a Orquestra da Regueifa, formada por alumnado do IES do Milladoiro de Ames e do IES Antonio Fraguas de Santiago de Compostela.

O Enreguéifate, neste curso 2023-2024, incluíu obradoiros de formación para profesorado e alumnado dos cinco concellos organizadores, ademais do certame de regueifas en vídeo cuxos premios se veñen de entregar. Así, a entrega dos regueipremios ponlle o ramo á sétima edición do certame en que se recibiron un total de 56 vídeos chegados das catro provincias galegas (Ames, Carballo, Pontevedra, Santiago de Compostela, Teo, Vigo, Vilalba, A Coruña, Viana do Bolo, Melide, Vila de Cruces ou Dodro...). O xurado outorgou os seguintes premios:

Categoría Xeral 

Categoría Escolar 


Os galardóns desta sétima edición, que levaba por lema "Temos madeira regueifeira!", tiveron selo estradense, con pezas creadas polas irmás artesás Isabel e Ana Neira (Atalanta Madeira).

No acto de entrega participaron, ademais das persoas premiadas, alumnado de varios centros escolares galegos, as técnicas dos servizos de normalización lingüística e unha representación política dos concellos impulsores da iniciativa, entre os cales a alcaldesa de Santiago de Compostela, Goretti Sanmartín, o alcalde de Ames, Blas García e a alcaldesa de Teo, Lucía Calvo, tomaron parte tamén como entregadoras e entregador de parte dos galardóns.


 

Resumo: 

O Teatro Principal de Santiago de Compostela acolleu o 3 de abril a entrega dos VII Premios Enreguéifate.