O Concello de Santiago está comprometido cos obxectivos en prol do uso da lingua galega que se derivan da normativa xeral, nomeadamente da Lei de normalización lingüistica, e do Plan xeral que aprobou o Parlamento de Galicia, así como do seu propio Regulamento de uso e do Plan de normalización, aprobados en 1988 e 2002 respectivamente coa unanimidade do Pleno da Corporación.
As liñas de actuación parten, en primeiro lugar, do uso do galego como lingua por defecto do funcionamento cotián da Administración e dos servizos municipais e complétanse coa incentivación do uso social en diversos ámbitos, moi especialmente no eido socioeconómico e nos da infancia e a mocidade.
Ademais de crear, no inicio do século, unha Concellaría de Normalización Lingüística, a Corporación Municipal puxo en marcha un Consello co fin de facilitar a participación cidadá no deseño e posta en práctica da política lingüística. Así mesmo, o Concello conta cunha unidade técnica, o Departamento de Lingua Galega, que ofrece un servizo de información e asesoramento lingüistico e que xestiona os diferentes programas e iniciativas de dinamización social do uso, dentro dos que destacan aqueles que se organizan de xeito colaborativo con outras administracións e entidades.