Enreguéifate

WEB
Xeral

A improvisación oral en verso está sendo utilizada desde hai tempo como recurso educativo e para a normalización da lingua nos ámbitos xuvenís. Grazas ao traballo en rede de diversas entidades públicas e privadas, un elemento do noso patrimonio inmaterial que estivo a piques de ficar no esquecemento adquiriu vitalidade e entroncou con valores e intereses plenamente vixentes na mocidade actual.

 

O potencial da regueifa como recurso para mellorar as habilidades lingüísticas orais é evidente. Porén, esta forma de comunicación demostrou tamén a súa utilidade para mellorar actitudes e promover comportamentos positivos en relación coa igualdade, a ecoloxía etc., na vertente que se deu en chamar regueifa 2.0.

 

O Concello de Santiago, xunto cos de Ames, Teo e Carballo, puxo en marcha o programa Enreguéifate para promover e divulgar esta forma de improvisación e contribuír ao movemento que a está a impulsar.

 

O obxectivo principal do programa é que a cidadanía entre en contacto coa regueifa e con outras formas de improvisación oral a través da experiencia, con especial atención ao ámbito educativo.

 

Inclúe accións formativas para alumnado e profesorado (obradoiros de regueifa e xornadas), un certame regueifeiro e un encontro festivo.

 

No enderezo www.enregueifate.gal poden atoparse a información de cada convocatoria.

 

En Compostela, durante a primavera, ofrécese aos centros de ensino a posibilidade de os obradoiros regueifeiros. A convocatoria envíaselles por correo electrónico cos detalles de calendario e procedemento para a inscrición.

 

O certame desenvólvese nos meses de maio-xuño e para participar cómpre unicamente enviar un vídeo no que, cando menos dúas persoas, poñan en práctica a súa capacidade regueifeira. Ademais de competiren por recompensas simbólicas á regueifa máis brava, á máis reivindicativa, aguda, diversa ou á mellor cantada ou falada, estas pezas audiovisuais divúlganse a través das redes como outra maneira e contribuír aos obxectivos do proxecto. Despois do verán, os concellos convocantes organizan un acto festivo para entregar os agasallos aos participantes e, asemade, participar nunha mostra das posibilidades da improvisación.

 

Dirixido a: 

Centros escolares
Público en xeral