Programación de xaneiro no Espazo Apego

Estreamos este ano 2026 seguindo o ronsel da Estrela do Nadal no concello de Santiago de Compostela cun mes de xaneiro concienciado co medio e coa natureza do noso territorio.
No Espazo Apego retomamos as actividades o luns 12, logo da volta á escoliña, elaborando unha receita ben saborosa con froitas de tempada, tanto en versión doce coma salgada. Os xoves de Tachán! traerán dúas propostas cheas de arrolos, de música e de elaboración de instrumentos coa Fundación Legar os días 15 e 29.
Todas as actividades propostas desenvólvense con inscrición previa cubrindo cadanseu formulario. O día anterior sobre as 12 h recibirase un correo coa confirmación da praza, xusto despois de rematar o prazo de inscrición.
A lingua medra
Luns / 17 h / Espazo Apego
Os diferentes contextos da vida teñen o seu espazo cada luns arredor do xogo, da experimentación, do coñecemento… Cada semana o enfoque será diferente: cociñarase no espazo Merendolas, a psicomotricidade será a guía en Movéndonos con Apego e a ciencia será a protagonista en Experimentamos. De 17 a 19 h para 2-6 anos. O correo de confirmación da praza neste caso recibirase o venres anterior á actividade, ao rematar o prazo de inscrición.
Non esquezades indicar no formulario de inscrición das Merendolas as intolerancias alimentarias.
Luns 12. Merendolas
Luns 19. Experimentamos
Luns 26. Merendolas
Tardes de contos
Martes / 17 e 18.15 h / Espazo Apego
Un tempo para entrar nos contos e imaxinar a partir deles, aprendendo cada vez máis palabras para entender o mundo. As actividades desenvólvense cada semana arredor dun centro de interese diferente, arredor dunha temática mensual e en dous horarios: de 17 a 18 h para 0 a 3 anos e de 18.15 a 19.15 h para 3 a 6 anos.
Martes 13
Martes 20
Martes 27
Enredando e lingoretando
Mércores / 17 h / Espazo Apego
Un espazo de entretemento activo arredor do xogo, libre ou guiado. A socialización en galego é o obxectivo e a imaxinación e os valores da amizade e a cooperación serán as ferramentas. Iranse incorporando temas e materiais relacionados coas festividades, o medio natural, a contorna inmediata etc., para propiciar a interacción.
A actividade contará con dous grupos diferenciados: para 3-6, sen acompañamento dunha persoa titora, e para 0-3 con acompañamento. Nos dous casos o horario será de 17 a 19 h.
Mércores 14. Xogamos coas palabras
Mércores 21. Fabricamos xoguetes
Mércores 28. Imos ao patio
Tachán!
Dous xoves do mes/ 18 h / Espazo Apego
Contactamos co acervo e a cultura mediante a oferta de espectáculos ou contidos executados por especialistas e en diversos formatos.
Xoves 15. Arrolar, de Fundación Legar (de 0 a 3 anos)
Arrolos, cantigas de berce e nanas empregando movementos acompasados, percusión corporal, sons bucais e instrumentos musicais de raíz (axóuxeres como a gaia, o dálle, ou peido de galiña!), este programa Arrolar é unha actividade de interactuación coas familias, que contarán cos instrumentos de raíz e as cantigas recolleitas para poder participaren na sesión e como recurso para casa.
Xoves 29. O gaiteiro verde, da Fundación Legar (de 3 a 6 anos)
Obradoiro de confección de instrumentos de música de raíz. As crianzas, xunto coas súas familias, confeccionan 6 instrumentos moi sinxelos. É unha actividade didáctica onde, amais de faceren de lutiers, aprenderán algunha canción e a tocar estes instrumentos: o trique-traque, o peto, a racha, a galla, a curuxa, o nunú, a bembella...