Programación de outubro no Espazo Apego

Outono bonito,
folliñas ao chan,
castañas asadas,
que ricas que están!
Na programación de outubro do Espazo Apego, este mes teremos dous días de Merendolas: o primeiro luns co produto estrela do outono galego elaboraremos unhas bolachas de castañas e no terceiro prepararémonos para o Samaín cunhas madalenas terroríficas! Os xoves de Tachán! traerán dúas propostas cheas de contos con Vero Rilo o día 9 e con Bea Campos o 23.
Todas as actividades propostas se desenvolven con inscrición previa cubrindo cadanseu formulario. O día anterior sobre as 12 h recibirase un correo coa confirmación da praza, xusto despois de rematar o prazo de inscrición.
A lingua medra
Luns / 17 h / Espazo Apego
Os diferentes contextos da vida teñen o seu espazo cada luns arredor do xogo, da experimentación, do coñecemento… Cada semana o enfoque será diferente: cociñarase no espazo Merendolas, a psicomotricidade será a guía en Movéndonos con Apego e a ciencia será a protagonista en Experimentamos. De 17 a 19 h para 2-6 anos. O correo de confirmación da praza neste caso recibirase o venres anterior á actividade, ao rematar o prazo de inscrición.
Luns 6. Merendolas: bolachas de castañas
Luns 13. Movéndonos con Apego
Luns 20. Merendolas: madalenas terroríficas
Luns 27. Experimentamos
Tardes de contos
Martes / 17 e 18.15 h / Espazo Apego
Un tempo para entrar nos contos e imaxinar a partir deles, aprendendo cada vez máis palabras para entender o mundo. As actividades desenvólvense cada semana arredor dun centro de interese diferente, arredor da temática mensual (en maio, por Compostela e o mundo) e en dous horarios: de 17 a 18 h para 0 a 3 anos e de 18.15 a 19.15 h para 3 a 6 anos.
Martes 7
Martes 14
Martes 21
Martes 28
Enredando e lingoretando
Mércores / 17 h / Espazo Apego
Un espazo de entretemento activo arredor do xogo, libre ou guiado. A socialización en galego é o obxectivo e a imaxinación e os valores da amizade e a cooperación serán as ferramentas. Iranse incorporando temas e materiais relacionados coas festividades, o medio natural, a contorna inmediata etc., para propiciar a interacción.
A actividade contará con dous grupos diferenciados: para 3-6, sen acompañamento dunha persoa titora, e para 0-3 con acompañamento. Nos dous casos o horario será de 17 a 19 h.
Mércores 1. Xogamos coas palabras
Mércores 8. Fabricamos xoguetes
Mércores 15. Imos ao patio
Mércores 22. Xincana de palabras
Mércores 29. Xincana de palabras
Tachán!
Dous xoves do mes/ 18 h / Espazo Apego
Contactamos co acervo e a cultura mediante a oferta de espectáculos ou contidos executados por especialistas e en diversos formatos.
Xoves 9. “Contos de animalario”, de Vero Rilo (de 2 a 6 anos)
Unha viaxe polos montes, prados e camiños máis verdes que poidamos ver, unha chea de encontros cos animais máis marabillosos: toupas choscas, chibos enormes e ogros torpes, pombas doces e dragóns atroces, bichos estraños, cabalos azuis e contos de hai anos e de non hai tantos.
Xoves 23. “Entre arrolos e contiños”, de Bea Campos (de 0 a 4 anos)
“Abre os ollos, as orellas, o nariz e a boca xa, entre arrolos e contiños, a sesión vai comezar”
Nesta actividade, as crianzas compartirán coas persoas que as coidan e educan un momento de pracer, lonxe do ruído e os quefaceres cotiáns, e espertará en todas elas o interese pola literatura, a música e a tradición oral.
Outono bonito, folliñas ao chan, castañas asadas, que ricas que están!