En abril no Espazo Apego

Estamos en primavera! Os días son xa longos e apetece gozar da natureza ou dos parques urbanos. Mais hai tempo tamén para as actividades que vos ofrece o Espazo Apego para que as crianzas socialicen na nosa lingua.
Lembrade anotarvos cubrindo os formularios aos que podedes acceder desde esta mesma folla. O día anterior recibiredes o correo coa confirmación da praza, cando remate o prazo para inscribirvos.
A lingua medra
Luns / 17 h / Espazo Apego
Os diferentes contextos da vida teñen o seu espazo cada luns arredor do xogo, da experimentación, do coñecemento… Cada semana o enfoque será diferente: cociñarase no espazo Merendolas; a psicomotricidade será a guía en Movéndonos con Apego; e a ciencia será a protagonista en Experimentamos. De 17 a 19 h para 2-6 anos. O correo de confirmación da praza neste caso recibirase o venres anterior á actividade, ao rematar o prazo de inscrición.
Luns 6. Merendolas - Inscrición
Luns 13. Movéndonos con Apego - Inscrición
Luns 20. Merendolas - Inscrición
Luns 27. Experimentamos - Inscrición
Tardes de contos
Martes / 17 e 18.15 h / Espazo Apego
Un tempo para entrar nos contos e imaxinar a partir deles, aprendendo cada vez máis palabras para entender o mundo. As actividades desenvólvense cada semana arredor dun centro de interese diferente, arredor dunha temática mensual e en dous horarios: de 17 a 18 h para 0 a 3 anos e de 18.15 a 19.15 h para 3 a 6 anos.
Martes 7
Martes 14
Martes 21
Martes 28
Enredando e lingoretando
Mércores / 17 h / Espazo Apego
Un espazo de entretemento activo arredor do xogo, libre ou guiado. A socialización en galego é o obxectivo e a imaxinación e os valores da amizade e a cooperación serán as ferramentas. A actividade contará con dous grupos diferenciados: para 3-6, sen acompañamento dunha persoa titora, e para 0-3 con acompañamento. Nos dous casos o horario será de 17 a 19 h. Iranse incorporando temas e materiais relacionados coas festividades, o medio natural, a contorna inmediata etc., para propiciar a interacción.
Mércores 8. Xogamos coas palabras
Mércores 15. Fabricamos xoguetes
Mércores 22. Imos ao patio
Mércores 29. Xincana de palabras
Tachán!
Dous xoves do mes/ 18 h / Espazo Apego
Contactamos co acervo e a cultura mediante a oferta de espectáculos ou contidos executados por especialistas e en diversos formatos.
Xoves 16. “As máis molonas”, de Pakolas (de 2 a 6 anos)
Un espectáculo que recolle as canción máis aclamadas polo público infantil rockeiro, cantadas e contadas Pakolas guiaranos coa súa forza interpretativa e o seu humor por todo un universo musical, a través da súa voz e da guitarra, polas mellores cancións dos seus discos-libro editados na colección Sonárbore, de Galaxia, e ilustrados por Laura Romero:
“Pakolas” 2017
“Ramona Órbita, a dona do tempo” 2020
“A Ramona pequena vai á Lúa” 2023
Xoves 23. “Contos nas orellas”, de Bea Campos (de 0 a 3 anos)
Como te chamas?
Comecastañas.
“Eu como e ti apañas”
Contos de risa, trasnos e carapuchiñas perfectos para os días de festa. A tradición oral da man da literatura infantil. Co ritmo das ondas no noso maxín, entraremos no mundo da fantasía e da imaxinación…
Programa de actividades para a cativada con inscrición previa