Preséntase Ficha polo galego

Ficha polo galego. O compromiso do deporte local coa lingua propia bota a andar tras abrir xa camiño normalizador durante a elaboración dos seus materiais. Dirixido especificamente a clubs, deportistas, persoas seareiras, familiares e negocios de Santiago de Compostela, o programa ten como obxectivo principal o de promover e normalizar o uso da lingua galega no ámbito deportivo, un espazo social onde a súa presenza é tradicionalmente escasa.
A iniciativa, presentada o 16 de outubro pola alcaldesa e pola concelleira de Deportes, xorde da necesidade de dotar o sector de referentes e ferramentas para camiñar cara á reversión da desgaleguización, especialmente nas franxas de idade máis novas, e de asociar o idioma a valores positivos transmitidos polo deporte, como a superación, a cohesión social e a identidade propia.
O deporte como motor socializador e de valores
O deporte é un espazo fundamental de socialización, aprendizaxe e transmisión de valores, onde se crean referentes para a mocidade. A mestura de deporte e lingua constitúe, o “cóctel perfecto para o pelotón gañador”. Trátase de reflexionar e comprometerse para garantir o dereito a vivir o deporte na lingua propia con naturalidade, levando o galego ás entrevistas, ximnasios e pistas deportivas.
Numerosas entidades e deportistas ben coñecidas xa se implicaron na elaboarción dos materiais da campaña, actuando como referentes de boas prácticas. Entre os deportistas colaboradores cóntanse figuras como Blanca Millán (baloncesto), Borja Iglesias (fútbol), Verónica Boquete (fútbol), Vega Souto (ximnasia rítmica), Noa Fuentes (adestradora de hóckey), Adrián Dios (adestrador de balonesto), Sergio Delpont (xornalista deportivo) ou o adestrador de baloncesto Moncho Fernández. Nove vídeo-entrevistas en total, ademais dalgunha colaboración no vídeo promocional.
Ademais, unha longa lista de clubs como Obradoiro CAB, SD Compostela, Balonmán Ribadosar, Rugby Tuxeleires, Club de Atletismo Sar-Miraraio, Club Waterpolo Santiago, ADB Fontiñas, Escaravellos Club Ciclista, Hóckey Raxoi, Compostela Esgrima, Club Ximnasia Rítmica Compostela, Club de Tenis Camiño Stellae, San Pedro FC, Compostela Golf, Xadrez Compostela, Asociación Break Inclán, CD Ávalon Kai... mostraron o seu apoio e colaboración na elaboración do vídeo de presentación.
Ferramentas e obxectivos
O programa ofrece un conxunto de ferramentas e materiais para incentivar e facilitar o uso do galego, que se irán divulgando e completando ao longo dos meses:
- Declaración de compromiso. Un documento para a reflexión e a acción ao que se poden adherir entidades a título colectivo e deportistas a título individual a través dun formulario en liña.
- Materiais sensibilizadores. Recursos físicos (lonas, carteis, pulseiras, camisetas) e virtuais (publicacións para redes sociais, anuncios, vídeos, vídeo-entrevistas, locucións) elaborados en colaboración con clubs e referentes locais para ser así unha acción de proximidade.
- Materiais para sorteos. Sorteos de camisetas nas redes sociais asociadas a referentes deportivos que promoven o uso da lingua.
Os obxectivos específicos son: aumentar a presenza do galego no deporte local, asociar o idioma a valores positivos, dar visibilidade a modelos que seguir, promover a reflexión para desbotar prexuízos, garantir os dereitos lingüísticos de todos os membros da comunidade deportiva e facer de Santiago un referente nesta promoción.
Como fichar polo galego?
O compromiso Ficha polo galego non é só unha declaración de intencións, senón un chamamento á acción real e visible para que o galego sexa parte natural do día a día deportivo.
Se formas parte da gran familia do deporte compostelán —como entidade deportiva (club, asociación, escola), deportista, adestrador, adestradora, técnico, monitor ou monitora, seareira, familiar de deportista—, tes a oportunidade de ser parte activa do compromiso coa nosa lingua.
O deporte é o mellor terreo de xogo para construír identidade e transmitir orgullo. Únete ao compromiso de asociar a nosa lingua á superación, ao traballo en equipo e á paixón. Fai que o galego marque o primeiro gol e gañe todos os partidos.
Únete ao compromiso Ficha polo galego e contribúe a que a nosa lingua viva con naturalidade no vestiario, na bancada e nas entrevistas. A adhesión é sinxela:
- Cubre o FORMULARIO EN LIÑA dispoñible nesta páxina web do Departamento de Lingua Galega (DLG) do Concello de Santiago.
- Difunde o teu compromiso e os materiais da campaña nas túas redes sociais co cancelo #fichapologalego. Tamén estarán dispoñibles permanentemente no programa Ficha polo galego desta páxina.
- E, o máis importante, sé coherente no teu día a día con este compromiso adquirido levando o galego a todas as partes: ao vestiario, á pista, ao campo, ao vaso, ao taboleiro, ao fío musical e ás bancadas.
O compromiso do deporte local coa lingua propia