Contos para nenas...

CONTOS NO PARQUE
Os martes do mes de agosto temos unha cita no parque de Bonaval! As actividades do Apego saen fóra e invítanvos a vir escoitar, participar e socializar en galego todos os martes ás 18 h na zona da plataforma dos arcos. Non esquezades traer a mantiña e a merenda que alí estarán os contos, cantos, monicreques... O acceso é aberto e de balde. En caso de choiva consultade as nosas redes.
O segundo martes do mes a Tropa de Trapo contará e cantará Contos de nenas grandes e pequenas!
Nesta proposta de narración oral e música en directo, con contos e cantos de mulleres de todas as idades, A Tropa de Trapo vainos contar as súas historias, todas distintas e cada unha coa súa voz propia. Aquí van os contos de mulleres diversas: unha nena a que trata de mediar nunha pelexa entre lagartos, dúas mulleres que axudan a parir unha vaca, unha nena pequena que salva o seu pai do esquecemento e a morte...
O poder do amor e da memoria, a importancia do bo trato entre as persoas, a loita contra a violencia machista e a igualdade entre homes e mulleres, a resolución de conflitos mediante o diálogo... son algúns dos temas que imos atopar neste martes de agosto.