Mensaxe de erro

Notice: Undefined index: localized_options en menu_navigation_links() (liña 1873 de /www/drupal7_santiagodecompostela.gal/www/includes/menu.inc).

En agosto Contos no parque para o Apego

Imaxe dos Contos no parque
Crianzas
29/07/2025

Contos no parque

Martes de agosto. 18 h. Parque de Bonaval (plataforma dos arcos)

Mantiña e merenda con contos, cantos, monicreques... As actividades do Apego saen fóra no mes de agosto! Convidámosvos a virdes escoitar, participar e socializar en galego todos os martes ás 18 h no parque de Bonaval (plataforma dos arcos). O acceso é aberto e de balde. Se chove haberá localizacións alternativas que anunciaremos nas nosas redes (no Facebook e no Instagram); polo si ou polo non, consultádeas antes de ir cara a Bonaval!

Xarope Tulú: Lingoreteira (+3 anos)

05/08/2025

“Esa é unha lingoreteira”, dicían. O que non sabían era que grazas a ela algunhas das historias que Xarope Tulú vai contar chegaron ata hoxe. Esta sesión de contos é unha homenaxe á lingoreteira que hai en nós, a esa parte nosa que permite que a palabra e a oralidade non morran de todo.

Achegádevos que imos botar a lingua a pacer! Lingoreteira é un espectáculo para público familiar que combina a narración oral, a música e a manipulación dun monicreque.

En escena, a narradora Atenea García e o músico Nicolás Zamorano fannos viaxar por novos vieiros a partir da música e a palabra.

Tropa de Trapo: Contos para nenas grandes e pequenas (+3 anos)

12/08/2025

Contos para nenas grandes e pequenas é unha proposta de narración oral e música en directo. Contos e cantos de mulleres de todas as idades. A Tropa de Trapo vainos contar as súas historias, todas distintas e cada unha coa súa voz propia.

Aquí van os contos de mulleres diversas: unha nena a que trata de mediar nunha pelexa entre lagartos, dúas mulleres que axudan a parir unha vaca, unha nena pequena que salva o seu pai do esquecemento e a morte...

O poder do amor e da memoria, a importancia do bo trato entre as persoas, a loita contra a violencia machista e a igualdade entre homes e mulleres, a resolución de conflitos mediante o diálogo... son algúns dos temas que imos atopar neste martes de agosto.

Fran Rei e Félix Rodríguez: Máis Saaabor! (+3 anos) - CAMBIO DE LOCALIZACIÓN: A CASA DAS MÁQUINAS!

19/08/2025

Unha mestura música en directo, maxia, humor, moito ritmo, participación do público e, sobre todo, a gastronomía máis internacional, selecta e divertida.

Desta volta, estes refinados chefs preparan un menú degustación con sabores dos cinco continentes, coa mensaxe de promover unha dieta ampla, variada e diversa. Máis Saaabor! é máis: máis música, máis gastronomía, máis maxia e máis ritmo!

Tras o éxito de Saaabor!, estreada en 2017, Félix Rodríguez e Fran Rei convértense de novo en dous recoñecidos e divertidos chefs que nos ofrecen un gorentoso, equilibrado e, sobre todo, ben afinado menú. A nova casa de xantar de Máis Saaabor! abre na vila; un restaurante do que xorden infinidade de xogos cómicos e máxicos e unha chea de trebellos cos que cociñar música.

O Mago Paco: Ledícias (+3 anos)

26/08/2025

Con xogos, participación e moito humor o Mago Paco sorprenderá tanto a nenos e nenas como a maiores.

Maxia divertida e participativa son as premisas desta nova adaptación que está pensada para que as familias poidan desfrutar dun momento único e que lembrarán por moito tempo.

 

 

 

Resumo: 

Actividades do programa Apego no parque de Bonaval todos os martes de agosto ás 18 h (na plataforma dos arcos)