Actividades do Apego en marzo
A casa do polbo Po volve abrir as portas para todas as familias que vivides a vida e a lingua con moito Apego! Velaquí a programación para o mes de marzo. Mirade o calendario e anotádevos nas actividades que vos presten. O día anterior sobre as 12 h recibiredes un correo coa confirmación da praza, xusto despois de rematar o prazo de inscrición.
A lingua medra
Luns / 17 h / Espazo Apego
Os diferentes contextos da vida teñen o seu espazo cada luns arredor do xogo, da experimentación, do coñecemento… Cada semana o enfoque será diferente: cociñarase no espazo Merendolas; a psicomotricidade será a guía en Movéndonos con Apego; recibiremos especialistas en Quen vén?; e a ciencia será a protagonista en Experimentamos. De 17 a 19 h para 2-6 anos. O correo de confirmación da praza neste caso recibirase o venres previo á actividade, ao rematar o prazo de inscrición.
Luns 4. Merendolas
Luns 11. Movéndonos con Apego
Luns 18. Quen vén?
Luns 25. Experimentamos
Tardes de contos
Martes / 17 e 18.15 h / Espazo Apego
Un tempo para entrar nos contos e imaxinar a partir deles, aprendendo cada vez máis palabras para entender o mundo. As actividades desenvólvense cada semana arredor dun centro de interese diferente, cunha temática mensual común e en dous horarios: de 17 a 18 h para 0-3 anos e de 18.15 a 19.15 para 3 a 6 anos. Este mes toca igualdade.
Martes 5
Martes 12
Martes 19
Martes 26
Enredando e lingoretando
Mércores / 17 h / Espazo Apego
Un espazo de entretemento activo arredor do xogo, libre ou guiado. A socialización en galego é o obxectivo e a imaxinación e os valores da amizade e a cooperación serán as ferramentas. A actividade contará con dous grupos diferenciados: para 3-6, sen acompañamento dunha persoa titora, e para 0-3 con acompañamento. Nos dous casos o horario será de 17 a 19 h. Iranse incorporando temas e materiais relacionados coas festividades, o medio natural, a contorna inmediata etc., para propiciar a interacción.
Mércores 6. Xogamos coas palabras
Mércores 13. Fabricamos xoguetes
Mércores 20. Imos ao patio
Mércores 27. Xincana de palabras
Tachán!
Un xoves cada quince días contactamos co acervo e a cultura mediante a oferta de espectáculos ou contidos executados por especialistas e en diversos formatos.
Saaabor! de Félix Rodríguez e Fran Rei (+ 3 anos)
Xoves 7 / 18 h / Espazo Apego
Como cando abrimos o Espazo Apego, Fran Rei e Félix Rodríguez cociñarán para nós para nos ofrecer sorpresas, risa, ritmos, contos, maxia… Os nosos protagonistas hanse converter en dous recoñecidos chefs que van presentar un gorentoso, equilibrado e, sobre todo, afinado menú con moito Saaabor!
Este queixo queixolán de Pavís Pavós (0 – 4 anos)
Xoves 21 / 18 h / Espazo Apego
Este queixo queixolán, esta boca pide pan… Unha maleta repleta de contos, cantos, arrolos e xogos recuperados da tradición oral para enriquecer a crianza con recursos lúdicos ben entretidos da man de Tareixa e Xacobe: Pavís Pavós.
Comezo de actividades para a crianza no Espazo Apego