A diversidade na programación de xuño do Espazo Apego

Neste mes de san Xoán, emprendemos a recta final do curso escolar e dámoslle a benvida ao verán no Espazo Apego. A atención á diversidade será o tema vehicular da nosa programación, onde trataremos o respecto cara a todas as persoas, pois todas e todos somos seres únicos e irrepetibles con moitas cousas que compartir e das que aprender.
O primeiro luns deste mes elaboraremos un doce que sabe a festa, unhas Maruxas de nata, e no terceiro teremos un obradoiro sensorial con froitas diversas. Os xoves de Tachán! traerán dúas propostas cargadiñas de cantos e contos da man de María da Pontragha o día 5 e Paco Nogueiras o 19.
Todas as actividades propostas se desenvolven con inscrición previa cubrindo cadanseu formulario. O día anterior sobre as 12 h recibirase un correo coa confirmación da praza, xusto despois de rematar o prazo de inscrición.
A lingua medra
Luns / 17 h / Espazo Apego
Os diferentes contextos da vida teñen o seu espazo cada luns arredor do xogo, da experimentación, do coñecemento… Cada semana o enfoque será diferente: cociñarase no espazo Merendolas; a psicomotricidade será a guía en Movéndonos con Apego; realizaremos unha actividade interxeracional cunha visita especial en Quen vén?; e a ciencia será a protagonista en Experimentamos. De 17 a 19 h para 2-6 anos. O correo de confirmación da praza neste caso recibirase o venres anterior á actividade, ao rematar o prazo de inscrición.
Luns 2. Merendolas: Maruxas de nata
Luns 9. Movéndonos con Apego
Luns 16. Quen vén? Obradoiro sensorial con froita
Luns 23. Experimentamos
Luns 30. Experimentamos
Tardes de contos
Martes / 17 e 18.15 h / Espazo Apego
Un tempo para entrar nos contos e imaxinar a partir deles, aprendendo cada vez máis palabras para entender o mundo. As actividades desenvólvense cada semana arredor dun centro de interese diferente, arredor da temática mensual (en maio, por Compostela e o mundo) e en dous horarios: de 17 a 18 h para 0 a 3 anos e de 18.15 a 19.15 h para 3 a 6 anos.
Martes 3
Martes 10
Martes 17
Martes 24
Enredando e lingoretando
Mércores / 17 h / Espazo Apego
Un espazo de entretemento activo arredor do xogo, libre ou guiado. A socialización en galego é o obxectivo e a imaxinación e os valores da amizade e a cooperación serán as ferramentas. Iranse incorporando temas e materiais relacionados coas festividades, o medio natural, a contorna inmediata etc., para propiciar a interacción.
A actividade contará con dous grupos diferenciados: para 3-6, sen acompañamento dunha persoa titora, e para 0-3 con acompañamento. Nos dous casos o horario será de 17 a 19 h.
Mércores 4. Xogamos coas palabras
Mércores 11. Fabricamos xoguetes
Mércores 18. Imos ao patio
Mércores 25. Xincana de palabras
Tachán!
Dous xoves do mes/ 18 h / Espazo Apego
Contactamos co acervo e a cultura mediante a oferta de espectáculos ou contidos executados por especialistas e en diversos formatos.
Xoves 5. “Contos con María da Pontragha”, de María da Pontragha (de 3 a 6 anos)
Contos e canción de tradición oral para crianzas, que beben da nosa herdanza cultural e cos que María da Pontragha sementa as leiriñas das familias para que medren vizosas.
Xoves 19. “Contos a centos”, de Paco Nogueiras (de 2 a 6 anos)
Poesía, contos tradicionais e relatos do autor enriquécense cun acompañamento musical elaborado expresamente para cada historia. Ademais, os retrousos e as cancións fan que as nenas e nenos poidan participar activamente nas sesións, ao acompañaren as historias coa súa voz, coas palmas ou cos acenos.
Neste mes de san Xoán, emprendemos a recta final do curso escolar e dámoslle a benvida ao verán no Espazo Apego.