Proposta de actividades infantís para novembro e decembro
Disque a que non ten mañas non come castañas, mais, por pouca maña que se teña, é ben raro saír dar un paseo polo monte nestes días de outono e volver co cesto baleiro: castañas, noces, mazás, cogomelos… Moito hai para apañar! Neste bimestre amosámosvos una ducia de “mañas” para recoller a xoguetada que poidades ter ciscada polo chan ao cabo do día e facelo de xeito tan animado e agradable como un produtivo paseo polo monte.
Para as actividades diarias a proposta tamén é ben xeitosa… Atendede!
As tardes do ESPAZO APEGO acollen nunha contorna segura actividades relacionadas coa crianza en galego: charlas, obradoiros, contos, música, xogos…
Tardes de contos (para crianzas de 0 a 3 anos). Todos os martes de 17 a 18.30 h (o acceso ao espazo comezará a partir das 16.40 h). Contos lidos, contos musicais, avoas que contan, visitas de autores, construción de poemas, dramatizacións… un tempo no que achegarse á literatura oral e escrita!
A familia vai á escoliña! (para nais, pais ou persoas encargadas da crianza ata os 6 anos). Todos os mércores ás 17.30 h. Charlas e obradoiros prácticos sobre diferentes aspectos da crianza:
-
4 de novembro. As vacinas nas crianzas (para nais e pais). Unha análise completa cun profesional da medicina.
-
11 de novembro. Saúde: demanda e necesidade na crianza (para nais e pais). Faladoiro cunha profesional da medicina sobre como usar o sistema sanitario.
-
18 de novembro. Hábitos saudables na infancia (para familias con crianzas de 0 a 6 anos). Obradoiro lúdico sobre bos hábitos cunha médica que nos guiará.
-
25 de novembro. Contando en igualdade (para familias con crianzas de 3 a 6 anos). Obradoiro con xogos e contos para medrar en igualdade.
-
2 de decembro. Construíndo minimundos (para familias con crianzas de 2 a 6 anos). Obradoiro para gozar e reflexionar sobre a importancia do xogo libre.
-
9 de decembro. Bebés e familia (para familias con crianzas de 0 a 3 anos). Contos e música para achegar recursos e obras esenciais.
-
16 de decembro. Iluminando o Nadal (para familias con crianzas de 3 a 6 anos). Obradoiro tecnolóxico para crear postais de nadal con luz.
-
23 de decembro. Estilos de aprendizaxe (para familias con crianzas de 0 a 3 anos). Obradoiro en que reflexionar e xogar coa psicóloga sobre prácticas na crianza.
Enredando. Espazo de entretemento activo en que se promove a socialización e a expresión verbal, xestual, corporal… manexando ditos, cancións, xogos, xoguetes…:
-
Os mércores, só para cubrir a conciliación da charla que se desenvolve de forma paralela no caso de que as persoas asistentes o precisaren, para crianzas de 2 a 6 anos.
-
Os xoves de 17 a 18.30 h, cando non hai función para nenas e nenos entre 3 e 6 anos.
Os xoves función! (para crianzas ata os 6 anos). Os xoves alternos ás 17.30 h. Representacións teatrais, musicais, contacontos, sensoriais… guiadas por artistas especializados.
-
12 de novembro. O magosto con Nano con Raquel Queizás (de 0 a 4 anos). Outro nanoconto onde a nosa ra favorita nos vai facer ver que ben se pasa no outono.
-
26 de novembro. Nano ten diabetes con Raquel Queizás (de 0 a 4 anos). Nanoconto para coñecer a doenza que fixo que Nano, por uns días, deixase de dar choutos.
-
3 de decembro. O mar do Apego con Fabaloba e Luís Prego (de 0 a 6 anos). Gran inauguración do mural interactivo na casa de Po con palabras, cancións, contos…
-
10 de decembro. O capitán Garfo con Saúl System (de 3 a 6 anos). Pop electrónico para aprender bos hábitos alimentarios.
-
17 de decembro. O agasallo das árbores con Cris de Caldas e Xabi do Camiño (de 3 a 6 anos). Contos e música para a concienciación ambiental.
Xogos de palabras (para crianzas de 3 a 6 anos). Os venres de 17 a 18.30 h. Xogar coa palabra falada e cantada para entreterse é un costume moi arraigado na crianza tradicional. Coñecer a contorna a través das palabras e aprender a relacionarse vén en parte dado por estes xogos.
APEGO NO NADAL
E... neses días entre o Nadal e Aninovo imos acoller unha festa do Apego algo diferente pero ben, ben feitiña… Estendida en varias xornadas e con todas as medidas de seguridade, comezaremos cun gran festival no Auditorio de Galicia e seguiremos con contos e música durante os tres días seguintes no Espazo Apego.
-
27 de decembro. Festival do Apego no Auditorio de Galicia. Toda una constelación de artistas recoñecidas polo público miúdo xúntanse extraordinariamente nun espectáculo que vai amosar a riqueza das creacións en lingua galega para as crianzas. A información completa achegarase en vindeiras datas nas redes do programa Apego.
-
28 de decembro ás 17 h no Espazo Apego. Contar co vento de María da Pontragha e Mighelón Paz (de 3 a 6 anos). Contos e melodías na compaña da música en directo do acordeón.
-
29 de decembro ás 17 h no Espazo Apego. Corochas de Xarope Tulú (de 0 a 3 anos). Contos como cóxegas que nos farán viaxar a lugares onde normalmente non chegamos ou a partes do corpo ás que non lles poñemos atención.
-
30 de decembro ás 17 h no Espazo Apego. Percubebés con Marcelo Dobode e Bea Martínez (de 0 a 3 anos). Obradoiro onde aprenderemos, participaremos e adquiriremos ferramentas para a execución musical. Como? Percutindo e cantando!
Para poder cumprir as normas de distanciamento, todas as actividades terán un límite reducido de asistentes e precisarán inscrición previa nesta mesma páxina web do Departamento de Lingua Galega do Concello de Santiago.
Para anotarse cómpre entrar ir á sección de actividades, entrar na escollida, premer no formulario de inscrición e cubrilo. Estarán habilitados desde unha semana antes de cada convocatoria ata o día anterior á súa data. As prazas iranse asignando por orde de entrada e confirmaranse mediante unha mensaxe ao correo electrónico facilitado. En caso de querer anular a inscrición, para facilitar que acuda outra persoa da listaxe de agarda, pregámosvos que enviedes un aviso ao noso enderezo habitual: dlg@santiagodecompostela.gal
Para poder seguir as normas de hixienización o acceso ao espazo comezará arredor de vinte minutos antes de cada actividade. Na sala de actividades entrarase sen calzado (aconséllase acudir con calcetíns grosos e con roupa cómoda). É obrigatorio o uso de máscara.
Descargade o folleto de actividades para organizarvos mellor e gozade coas vosas crianzas!
Disque a que non ten mañas non come castañas, mais, por pouca maña que se teña, é ben raro saír dar un paseo polo monte nestes días de outono e volver co cesto baleiro: castañas, noces, mazás, cogomelos… Moito hai para apañar!