Os coleccionables do Apego

O cabaliño de mar chega a onde quere chegar
Crianzas
05/07/2021

O cabaliño de mar é un dos animais máis lentos que se coñecen, mais el cabalga dereito coma un parafuso polo mar adiante feliz e contento. Este experto nadador goza afundido no mar igual que o veloz arroaz que acompaña os barcos facendo
pinchacarneiros.

Coma eles, todas podemos nadar ou practicar o deporte que máis nos agrade. Pouco máis se precisa que os nosos propios corpos para adquirirmos este hábito tan saudable e divertido que non entende de idades.

En Compostela temos moitas posibilidades para practicar deporte: piscinas, pavillóns deportivos, pistas de tenis e pádel, campos de fútbol... Consultade en deportes.santiagodecompostela.gal

No calendario de xogos coleccionables e atemporais que vos achegamos mensualmente podedes atopar, neste mes de xullo, exemplos de deportes que se poden practicar no noso concello. Coñecédelos?

Que vos parece se recortades cada tarxeta, as poñedes boca abaixo e emparellades cada deporte coa súa definición? As crianzas máis pequenas poden facelo coas cartas boca arriba mentres as persoas adultas len as definicións.

E lembrade que, xunto coas propostas dos meses anteriores (marzo, abril, maio e xuño), podedes ir facendo unha colección de xogos ben xeitosos para criardes e enredardes en galego! 

Resumo: 

Un xogo moi deportivo!