Crianza con apego
Obradoiros prácticos sobre diferentes aspectos da crianza que se van desenvolvendo ao longo do mes, cunha sesión semanal. Trátanse temas de especial interese nas idades máis temperás e combínase a aprendizaxe das persoas adultas coas actividades para a cativada. Para esta actividade non hai límite no número de persoas adultas por crianza para promovermos a educación familiar. Este mes haberá obradoiros formativos para as persoas implicadas na crianza e obradoiros lúdicos simultáneos para as crianzas (de 2 a 6 anos) que o desexen na sala anexa.
“Crianza con apego”
O desenvolvemento humano é un proceso que dura toda a vida. Este proceso, cuxos primeiros anos constitúen un dos períodos máis sensibles na formación da persoa, é unha experiencia única e irrepetible. O que aconteza nesta etapa terá un impacto decisivo no posterior desenvolvemento, no sentido de afectalo tanto positiva como negativamente. Se este desenvolvemento é saudable para os nenos e nenas, será tamén beneficioso para os pais e as nais, a familia e a sociedade.
Unha das funcións básicas dos pais e das nais, é a de estimular o desenvolvemento óptimo, tendo en conta que os nenos e as nenas son persoas en constante desenvolvemento e con necesidades cambiantes. Este obxectivo implica que o escenario educativo debe realizar as funcións de mantemento, estimulación, apoio, estruturación e control.
A proposta para os venres do mes de febreiro pretende afondar e reflexionar dun xeito interactivo e bidireccional, proporcionándolles ás familias ferramentas educativas sobre cuestións específicas das nosas prácticas educativas.
Cada venres afondaremos sobre as seguintes cuestións:
4 de febreiro: Educar con cariño e esixencia
11 de febreiro: Normas claras. Alternativas ao “non”
18 de febreiro: As rutinas danme seguridade
25 de febreiro: Parentalidade positiva
A inscrición das familias para os obradoiros é única para os venres 4, 11 e 18 e 25 de febreiro neste formulario.