Febreiro con novidades no Espazo Apego

Estou facendo o caldo... de cultivo!
Crianzas
01/02/2022

Estou facendo o caldo… de cultivo!

A actividade volve ao Espazo Apego co novo ano e con algunhas novidades! Relatámosvolas deseguido, mais antes comentámosvos algo sobre a proposta estable e coleccionable do mes, que vai sobre a universidade e algunha das súas estudantes pioneiras.

Avogada, enxeñeira, mestre, enfermeiro, médica, química, biólogo… Na Universidade de Santiago de Compostela podemos formarnos para exercer unha chea de profesións. Mais, sendo como é a máis antiga do país, isto non foi sempre así. Ata hai pouco máis dun século as rapazas non podían matricularse libremente na carreira que elixisen, quedando case prohibidas para elas as titulacións científicas. Isto comezou a mudar con algunhas mozas valentes, que foron abrindo camiño. Mostrámosvos no coleccionable un xogo coa historia e a imaxe dalgunhas delas e tamén vos propomos visitar a histórica Casa da Troia, antiga pensión de estudantes agora convertida en museo e que dá conta do ambiente universitario da época.

En canto á actividade semanal, o  Espazo Apego (rúa da República do Salvador, 12 - entresollado), acolle as propostas que xera o programa Apego en Santiago para promover o uso do galego na infancia. Un tempo de lecer no que gozarmos cos contos, a música ou o xogo, á vez que xeramos un contexto favorable para conectar coa lingua.

 

Resumo de actividades semanais e formularios de inscrición:

MARTES.

TARDES DE CONTOS (de 0 a 3 anos). Ás 17 h

Contos de calquera das maneiras posibles para achegar a cativada á literatura oral e escrita.

Inscrición para o 1 de febreiro (0-3 anos)

Inscrición para o 8 de febreiro (0-3 anos)

Inscrición para o 15 de febreiro (0-3 anos)

Inscrición para o 22 de febreiro (0-3 anos)

TARDES DE CONTOS (de 3 a 6 anos). Ás 18.15 h

Inscrición para o 1 de febreiro (3-6 anos)

Inscrición para o 8 de febreiro (3-6 anos)

Inscrición para o 15 de febreiro (3-6 anos)

Inscrición para o 22 de febreiro (3-6 anos)

 

MÉRCORES. TARDES XOGANTINAS (de 3 a 6 anos). Ás 17.30 h

Retomamos a exitosa proposta das Tardes xogantinas! Un  tempo de xogo colectivo no que aprender e experimentar en grupo e coa lingua galega como vehículo e como elemento de  cohesión e acceso ao patrimonio lúdico tradicional. Cada sesión terá unha duración dunha hora e media, sen acompañamento das persoas titoras e baixo a guía, sempre divertida e educadora, de Xandobela

Inscrición para o 2 de febreiro

Inscrición para o 9 de febreiro

Inscrición para o 16 de febreiro

Inscrición para o 23 de febreiro

 

XOVES DE FUNCIÓN. Ás 17.30 h

  • 10 de febreiro “Son no berce” con A Cova das Letras (0-3 anos). Concerto didáctico-sensorial para bebés. Unha experiencia ben linda para espertar as emocións das crianzas a través dos estímulos sensoriais: a imaxe, as palabras, os tactos diversos, os cheiros e a música.
  • 24 de febreiro “Brincadeiras da lingua” con Migallas (2-6 anos). Con xogos verbais de participación, cancións, contos, monicreques e outros recursos coñeceremos a enorme riqueza  e variedade de ditos e recitados da literatura e do patrimonio oral infantil galego.

XOVES. LINGORETADAS (de 2 a 6 anos) Ás 17.30 h

Espazo de entretemento activo no que se promove a socialización e a expresión (verbal, xestual, corporal) manexando ditos, cancións, xogos, xoguetes... os xoves que non temos función:

Inscrición para o 3 de febreiro

Inscrición para o 17 de febreiro

 

VENRES. OBRADOIROS PARA MEDRAR (nais, pais ou persoas adultas coidadoras de crianzas ata os 6 anos). Ás 17.30 h

Obradoiros prácticos sobre diferentes aspectos da crianza que se van desenvolvendo ao longo do mes, cunha sesión semanal. Trátanse temas de especial interese nas idades máis temperás e combínase a aprendizaxe das persoas adultas coas actividades para a cativada. Para esta actividade non hai límite no número de persoas adultas por crianza para promovermos a educación familiar. Este mes haberá obradoiros formativos para as persoas implicadas na crianza e actividades lúdicas simultáneas para as crianzas que o desexen na sala anexa.

“Crianza con apego”

O desenvolvemento humano é un proceso que dura toda a vida. Este proceso, cuxos primeiros anos constitúen un dos períodos máis sensibles na formación da persoa, é unha experiencia única e irrepetible. O que aconteza nesta etapa terá un impacto decisivo no posterior desenvolvemento, no sentido de afectalo tanto positiva como negativamente. Se este desenvolvemento é saudable para os nenos e nenas, será tamén beneficioso para os pais e as nais, a familia e a sociedade.

Unha das funcións básicas dos pais e das nais, é a de estimular o desenvolvemento óptimo, tendo en conta que os nenos e as nenas son persoas en constante desenvolvemento e con necesidades cambiantes. Este obxectivo implica que o escenario educativo debe realizar as funcións de mantemento, estimulación, apoio, estruturación e control.

A proposta para os venres do mes de febreiro pretende afondar e reflexionar dun xeito interactivo e bidireccional, proporcionándolles ás familias ferramentas educativas sobre cuestións específicas das nosas prácticas educativas.

Cada venres afondaremos sobre as seguintes cuestións:

4 de febreiro: Educar con cariño e esixencia

11 de febreiro: Normas claras. Alternativas ao “non”

18 de febreiro: As rutinas danme seguridade

25 de febreiro: Parentalidade positiva

A inscrición das familias para os obradoiros é única para os venres 4, 11 e 18 e 25 de febreiro neste formulario.

 

________________________________

Todas as actividades precisarán inscrición previa.

O acceso aos formularios de inscrición atópase en cada apartado desta nova e tamén na sección de actividades das webs apego.gal e delingua.santiagodecompostela.gal (onde se irán publicando semana a semana.  O prazo para anotarse nas actividades do Espazo Apego remata ás 12 h do día anterior a cada actividade.  As prazas asígnanse por orde de entrada das inscricións e confírmanse mediante unha mensaxe ao correo electrónico facilitado, unha vez pechado o prazo. En caso de que queden prazas libres, o formulario poderá permanecer aberto un día máis pero é preciso asegurase de que se recibiu a confirmación para poder asistir á actividade. 

Para anular a praza ou calquera outra incidencia pregámosvos que enviedes un aviso ao noso enderezo habitual: dlg@santiagodecompostela.gal

Pregamos que nas actividades dirixidas a nenas e nenos acuda como máximo unha persoa adulta por crianza.

O acceso ao espazo abre uns quince minutos antes de cada actividade. Aconséllase acudir con roupa cómoda e é obrigatorio o uso de máscara.

Resumo: 

A actividade volve ao Espazo Apego co novo ano e con algunhas novidades!