Actividades no Espazo Apego

Compostela mitolóxica
Crianzas
23/02/2021

Neste mes de marzo comeza a primavera e as actividades do espazo Apego volven para favorecer a crianza en galego.

O tradicional folleto de actividades reconvértese para que vaiades anotando ao voso xeito e para ofrecervos una proposta atemporal no noso concello. Desta volta, a idea é facermos una ruta pola senda mitolóxica do monte do Viso ou fabricar un xogo de parellas imprimindo dúas veces as imaxes dos personaxes. A actividade pode servir para irmos introducindo aspectos da nosa mitoloxía e falarmos de figuras que están no imaxinario común. Quen era Breogán? Que facían as mouras co seu peite de ouro?... Investigade e faládelles moito!

As actividades do Espazo Apego (rúa da República do Salvador, 12 - entresollado) tamén experimentan algunha mudanza no calendario semanal, mais estamos seguras de que vos van gustar!

MARTES. Tardes de contos (de 0 a 6 anos). Ás 17.30 h. Contos de calquera das maneiras posibles para achegar a cativada á literatura oral e escrita.

 

MÉRCORES. Imos propoñendo, de xeito alterno por semanas, una función ou un obradoiro Enredando.

Mércores de función ás 17.30 h:

  • 10 de marzo Carabranca da Compañía Eléctrica (maiores de 3 anos). Iria Pinheiro interpreta una historia de Iván Sende onde unha nena pirata logra todo o que se propón, desafiando calquera perigo marítimo e terrestre. Mestura de aventuras co ánimo de superación para fomentar a igualdade.
  • 24 de marzo Obradoiro de arrolos con Mamá Cabra (de 0 a 3 anos). Gloria Mosquera e Diego Maceiras interpretan e ensinan algúns arrolos cos que adormecer, aleitar, e tamén cos que gozar da música nos primeiros días e meses de vida.

Mércores en que non hai función ás 17.30 h:

Enredando (de 2 a 6 anos). Espazo de entretemento activo no que se promove a socialización e a expresión (verbal, xestual, corporal) manexando ditos, cancións, xogos, xoguetes...

 

XOVES. Xogos de palabras (de 3 a 6 anos). Ás 17.30 h. As palabras son moitas veces a chave do xogo, sérvennos para establecer as normas, animar, interactuar… Imos poñelo en práctica con ditos e cancións para entreternos, coñecérmonos mellor e relacionarnos.

 

VENRES. Obradoiros para medrar (familias con crianzas ata os 6 anos). Ás 17.30 h. Obradoiros prácticos sobre diferentes aspectos da crianza en paquetes mensuais para irmos tratando e afondando en temas de especial interese nas idades máis temperás. Combinamos o seu xogo coa nosa aprendizaxe. Para estas actividades non hai límite de número de persoas adultas por crianza.

O tema deste mes é A educación a través do desenvolvemento motriz cos seguintes obradoiros para estimular o sistema psicomotor (psicomotricidade fina e grosa):

  • 5 de marzo “Xogamos con pan relado” (actividade para non celíacos)
  • 12 de marzo “Xogamos con papel”
  • 26 de marzo “Pintamos con chocolate”

A inscrición para os venres do mes de marzo podedes facela a través do seguinte formulario. No correo de confirmación indicaranse os sinxelos materiais cos que acudir aos obradoiros.

 

Para poder cumprir as normas de distanciamento, todas as actividades terán un límite reducido de asistentes e precisarán inscrición previa nesta mesma páxina web do Departamento de Lingua Galega do Concello de Santiago. Pregamos que, como máximo, acuda unha persoa adulta por crianza.

Para anotarse cómpre entrar ir á sección de actividades, entrar na escollida, premer no formulario de inscrición e cubrilo. Os formularios estarán habilitados desde unha semana antes de cada convocatoria ata o día anterior á súa data. As prazas iranse asignando por orde de entrada e confirmaranse mediante unha mensaxe ao correo electrónico facilitado. En caso de querer anular a inscrición, para facilitar que acuda outra persoa da listaxe de agarda, pregámosvos que enviedes un aviso ao noso enderezo habitual: dlg@santiagodecompostela.gal

Para poder seguir as normas de hixienización o acceso ao espazo comezará arredor de vinte minutos antes de cada actividade. Na sala de actividades entrarase sen calzado (aconséllase acudir con calcetíns grosos e con roupa cómoda). É obrigatorio o uso de máscara.

Descargade o calendario para anotar as actividades nas que estades inscritas e gozade coas vosas crianzas!

Resumo: 

Recomezamos con actividades e con proposta para facer ao aire libre!