Programación de novembro no Espazo Apego

A MIÑA NENA PEQUENA,
HEINA DE MANDAR Á ESCOLA,
HEILLE DE COMPRAR UN TROMPO,
E MAIS UNHAS CASTAÑOLAS
Cantiga de berce
Este mes teremos dous días de Merendolas terroríficas con vampiros, calacús, momias… para festexar o Samaín. Os xoves de Tachán! traerán dúas propostas cheas de contos e música con Marta Ortiz o día 6 e con Cris Collazo o 20.
Todas as actividades propostas desenvólvense con inscrición previa cubrindo cadanseu formulario. O día anterior sobre as 12 h recibirase un correo coa confirmación da praza, xusto despois de rematar o prazo de inscrición.
A lingua medra
Luns / 17 h / Espazo Apego
Os diferentes contextos da vida teñen o seu espazo cada luns arredor do xogo, da experimentación, do coñecemento… Cada semana o enfoque será diferente: cociñarase no espazo Merendolas, a psicomotricidade será a guía en Movéndonos con Apego e a ciencia será a protagonista en Experimentamos. De 17 a 19 h para 2-6 anos. O correo de confirmación da praza neste caso recibirase o venres anterior á actividade, ao rematar o prazo de inscrición.
Non esquezades indicar no formulario de inscrición das Merendolas as intolerancias alimentarias.
Luns 3. Merendolas: vampiros
Luns 10. Movéndonos con Apego
Luns 17. Merendolas: momias
Luns 24. Experimentamos
Tardes de contos
Martes / 17 e 18.15 h / Espazo Apego
Un tempo para entrar nos contos e imaxinar a partir deles, aprendendo cada vez máis palabras para entender o mundo. As actividades desenvólvense cada semana arredor dun centro de interese diferente, arredor da temática mensual e en dous horarios: de 17 a 18 h para 0 a 3 anos e de 18.15 a 19.15 h para 3 a 6 anos.
Martes 4
Martes 11
Martes 18
Martes 25
Enredando e lingoretando
Mércores / 17 h / Espazo Apego
Un espazo de entretemento activo arredor do xogo, libre ou guiado. A socialización en galego é o obxectivo e a imaxinación e os valores da amizade e a cooperación serán as ferramentas. Iranse incorporando temas e materiais relacionados coas festividades, o medio natural, a contorna inmediata etc., para propiciar a interacción.
A actividade contará con dous grupos diferenciados: para 3-6, sen acompañamento dunha persoa titora, e para 0-3 con acompañamento. Nos dous casos o horario será de 17 a 19 h.
Mércores 5. Fabricamos xoguetes
Mércores 12. Imos ao patio
Mércores 19. Xincana de palabras
Mércores 26. Xincana de palabras
Tachán!
Dous xoves do mes / 18 h / Espazo Apego
Contactamos co acervo e a cultura mediante a oferta de espectáculos ou contidos executados por especialistas e en diversos formatos.
Xoves 6. “Contos, castañas e teas de araña”, de Marta Ortiz (de 2 a 6 anos)
Contos de medo que dan risa. Contos de risa que acaban dando algo de medo. Contos en verso, contos cantados, contos tradicionais e outros inventados para escoitar comendo castañas nunha tarde de outono.
Xoves 20. “Son no berce”, de Cris Collazo (de 0 a 3 anos)
Unha viaxe paseñiña que percorre cada descuberta que fai o corpo curioso de bebé. Dende os seus dediños que exploran a natureza, os seus primeiros pasos, que os leva o vento, a sorpresa da auga na súa cariña... até chegar ás vogais e aos fonemas que constrúen e dan vida á nosa lingua. Espectáculo sensorial para bebés.
A miña nena pequena, heina de mandar á escola, heille de comprar un trompo e mais unhas castañolas