O Enreguéifate arrinca unha novena edición doutro universo

O programa de actividades inclúe accións formativas para escolares e profesorado e un certame regueifeiro aberto a toda a cidadanía.
O Enreguéifate presentou no Pazo de Raxoi as novidades da súa novena edición. O proxecto, impulsado polos servizos de normalización lingüística dos concellos de Santiago de Compostela, Ames, Arzúa, Carballo, Pontevedra e Teo, continúa a consolidarse como un referente na divulgación da improvisación oral en verso –a regueifa– como vía para revitalizar o uso do galego, especialmente entre a mocidade.
Na presentación pública participaron a alcaldesa de Santiago de Compostela, Goretti Sanmartín Rei; o alcalde de Ames, Blas García Piñeiro; a concelleira de Normalización Lingüística de Arzúa, Lucía López Sobrado; a concelleira de Carballo, Maruxa Suárez Cotelo; o concelleiro de Normalización Lingüística de Pontevedra, Demetrio Gómez Xunqueira; e as formadoras e formadores do Enreguéifate Josinho da Teixeira, Nuria das Cruces, Xairo de Herbón e Manuele Pardo, que abriron o acto regueifando.
Enreguéifate, versos doutro universo
Baixo o lema Enreguéifate, versos doutro universo, “esta edición convida a ollar e mudar este mundo desde outro universo: o da poesía oral improvisada”, segundo apuntaba a alcaldesa compostelá. Goretti Sanmartín subliñou ademais a importancia dun proxecto que este ano sumou un concello máis, o de Arzúa, nun “exemplo de colaboración e traballo conxunto entre administracións municipais co obxectivo principal de fomentar o uso do galego, especialmente entre as crianzas e a mocidade", dun xeito interxeracional e "a través da creatividade, da retranca, da poesía oral e da regueifa, esa maneira tan peculiar nosa de estar no mundo".
O programa de actividades arrincará o venres, 14 de novembro, cun obradoiro de formación para o profesorado no Pazo da Peregrina de Bertamiráns (Ames), conducido por Manolo Maseda, Séchu Sende, Lupe Blanco e Josinho da Teixeira. A actividade, gratuíta e con inscrición aberta ata o 12 de novembro, a través da web do Enreguéifate, ofrecerá a 45 docentes de toda Galicia a oportunidade de coñecer o valor da regueifa como ferramenta didáctica. A través da improvisación oral, as persoas participantes explorarán estratexias para fomentar a expresión, a empatía e o traballo en equipo nas aulas, transmitíndolle ao alumnado valores como a diversidade, a cooperación, a integración ou o feminismo. O obxectivo é que “a palabra –cantada ou rimada— se converta nun instrumento de aprendizaxe e de orgullo lingüístico”.
Preto de 80 obradoiros escolares
Durante este primeiro e o segundo trimestre do curso realizaranse preto de 80 obradoiros de improvisación oral destinados a escolares de 5º e 6º de primaria e da ESO dos concellos participantes. Dezaseis destes obradoiros impartiranse nos centros escolares de Santiago de Compostela por Lupe Blanco, Josinho da Teixeira, Nuria das Cruces, O Rabelo, Xairo de Herbón, Cristian de Burela e Manuele Pardo para espertar no alumnado a curiosidade polos xéneros de improvisación oral en galego. “Desde o xogo, a liberdade e o pensamento crítico, estes obradoiros procuran ademais reforzar a autoestima lingüística e creativa das novas xeracións, ofrecerlles un espazo para expresarse libremente e conectar coa tradición oral como fonte de inspiración contemporánea”, segundo se remarcou na presentación. “Nun momento no que o galego precisa novos espazos de uso e prestixio social, a regueifa convértese nunha ferramenta eficaz para revivir a lingua como espazo de encontro e comunidade”, engadiron os representantes.
Un certame para sumar tripulantes na nave da regueifa
O certame de regueifas en vídeo repite como unha das citas máis agardadas. Na anterior edición acadouse unha participación de récord, con case un cento de regueifas recibidas, confirmando o interese crecente da cidadanía por esta expresión cultural. Animouse a volver bater esa marca, para “seguir sumando tripulantes nesta nave da regueifa” e lograr unha participación masiva do alumnado galego de educación infantil, primaria, secundaria, formación profesional, ensinanzas especiais, artísticas, escolas de música, de danza ou de idiomas, pero tamén da cidadanía en xeral, ben de xeito particular ou ben a través de todo tipo de asociacións ou colectivos, á que tamén vai dirixida este certame.
O prazo para participar estará aberto entre o 12 de xaneiro e o 6 de marzo de 2026. A inscrición poderá realizarse a través da web do Enreguéifate, onde tamén estarán dispoñibles as bases completas do certame. As persoas interesadas deberán enviar un vídeo no que participen, como mínimo, dúas persoas regueifando en galego sobre un tema libre, cunha duración máxima de tres minutos.
Este ano volverán outorgarse oito premios por cada categoría –escolar e xeral–, para recoñecer non só quen fai mellor as regueifas, senón tamén que as emprega para fomentar a inclusión, para reclamar ou denunciar inxustizas, para amosar a nosa diversidade ou para difundir as nosas tradicións. Así, haberá regueipremios para os mellores vídeos nas modalidades de regueifa máis brava, máis aguda, máis diversa, máis reivindicativa, mellor cantada, mellor falada, máis inclusiva e máis entroideira.
A entrega dos galardóns terá lugar desta volta en Pontevedra. O Teatro Principal de Pontevedra acollerá o xoves, 16 de abril de 2026, o encontro que reunirá a comunidade regueifeira de todo o país, nunha celebración que pretende “recoñecer o esforzo dos centros educativos, das familias, das agrupacións culturais e das persoas que, coa súa participación no Enreguéifate, axudan a manter máis viva ca nunca a nosa tradición”.
O programa de actividades inclúe accións formativas para escolares e profesorado e un certame regueifeiro aberto a toda a cidadanía.