Programación de decembro no Espazo Apego de Santiago de Compostela

Aí vén o Apalpador!
O frío xa está aquí, pero no Espazo Apego temos o mellor refuxio: xogos, moita festa e socialización en galego. Este decembro, convidámosvos a celebrar a chegada do inverno e do Nadal en familia, vivindo novas experiencias e tecendo recordos na nosa lingua.
Como temos que ter as barrigas ben cheas para a chegada do Apalpador, este mes contamos con dous días de cociña con receitas doces e salgadas de Nadal. Encheremos os martes de historias nas Tardes de contos e os mércores xogaremos no espazo de Enredando e lingoretando. Os xoves de Tachán! amplíanse con tres citas cargadas de contos, xogos e música: Miudiño o día 3, Bico de Toupa o 10 e María Faltri o día 17.
Todas as actividades propostas desenvólvense con inscrición previa cubrindo cadanseu formulario. O día anterior, sobre as 12 h, recibirase un correo coa confirmación da praza, xusto despois de rematar o prazo de inscrición.
A lingua medra
Luns / 17 h / Espazo Apego
Os diferentes contextos da vida teñen o seu espazo cada luns arredor do xogo, da experimentación, do coñecemento… Cada semana o enfoque será diferente: cociñarase no espazo Merendolas, a psicomotricidade será a guía en Movéndonos con Apego e a ciencia será a protagonista en Experimentamos. De 17 a 19 h para 2-6 anos. O correo de confirmación da praza neste caso recibirase o venres anterior á actividade, ao rematar o prazo de inscrición.
Non esquezades indicar no formulario de inscrición das Merendolas as intolerancias alimentarias.
Luns 7. Merendolas
Luns 14. Movéndonos con Apego
Luns 21. Merendolas
Luns 28. Experimentamos
Tardes de contos
Martes / 17 e 18.15 h / Espazo Apego
Un tempo para entrar nos contos e imaxinar a partir deles, aprendendo cada vez máis palabras para entender o mundo. As actividades desenvólvense cada semana arredor dun centro de interese diferente, arredor da temática mensual e en dous horarios: de 17 a 18 h para 0 a 3 anos e de 18.15 a 19.15 h para 3 a 6 anos.
Martes 1
Martes 15
Martes 22
Martes 29
Enredando e lingoretando
Mércores / 17 h / Espazo Apego
Un espazo de entretemento activo arredor do xogo, libre ou guiado. A socialización en galego é o obxectivo e a imaxinación e os valores da amizade e a cooperación serán as ferramentas. Iranse incorporando temas e materiais relacionados coas festividades, o medio natural, a contorna inmediata etc., para propiciar a interacción.
A actividade contará con dous grupos diferenciados: para 3-6, sen acompañamento dunha persoa titora, e para 0-3 con acompañamento. Nos dous casos o horario será de 17 a 19 h.
Mércores 2. Xogamos coas palabras
Mércores 9. Fabricamos xoguetes
Mércores 16. Imos ao patio
Mércores 23. Xincana de palabras
Mércores 30. Xogamos coas palabras
Tachán!
Dous xoves do mes / 18 h / Espazo Apego
Contactamos co acervo e a cultura mediante a oferta de espectáculos ou contidos executados por especialistas e en diversos formatos.
Xoves 3. “O desencantamento”, de Miudiño (de 2 a 6 anos)
Sesión de narración oral con ambientación sonora que fará as delicias de grandes e pequenas, co descubrimento dunha historia chea de feitizos, suspense, tesouros e retos. Posteriormente, para as familias que o desexen realizarase un obradoiro de curuxas e cucos con bugallos e tocadores de follas.
Xoves 10. “Un mar de xogos”, de Bico de Toupa (de 1 a 6 anos)
Un espazo de instalación de xogos de madeira con temática mariñeira, lúdico e familiar onde as crianzas poden xogar, enredar e aprender habilidades a través da imaxinación do xogo.
Xoves 17. “Cantar o Nadal”, de María Faltri (de 1 a 6 anos)
Un espectáculo de Nadal que propón unha celebración musical participativa para o público familiar, cun repertorio alegre e compartido, pensado para cantar, unir culturas e espallar o espírito do Nadal a través da música e da emoción colectiva.
Actividades infantís de decembro no Espazo Apego de Santiago de Compostela.