Criar en galego

Asociación de Entidades Locais pola Lingua Galega (Alingua) e o Consello da Cultura Galega (CCG) celebraron a xornada de traballo «Criar en galego». O encontro reuniu representantes políticos e técnicas de normalización lingüística dos distintos concellos xunto con vinte familias que forman parte do programa municipal Apego para promover a crianza e a socialización en lingua galega. Durante a xornada de traballo as familias analizaron a dispoñibilidade real de produtos, contidos e servizos en galego no ámbito familiar.
A iniciativa, desenvolvida no marco do acordo de colaboración que veñen de asisar Alingua e o CCG, permitiu recoller experiencias de primeira man sobre as dificultades que atopan os fogares para empregar a lingua propia nas actividades cotiás e de lecer. A través de exemplos concretos, marcas, produtos e situacións habituais, as familias identificaron ámbitos nos que a falta de oferta limita as posibilidades de vivir e criar en galego.
A información recadada servirá de base para que o Consello da Cultura Galega deseñe un estudo cuantitativo de maior alcance e permitirá trasladar demandas concretas ao tecido produtor e empresarial.
A apertura institucional contou coas intervencións de Goretti Sanmartín, alcaldesa de Santiago de Compostela; Ramón Varela, presidente de Alingua; e Dolores Vilavedra, presidenta do Consello da Cultura Galega. Durante a presentación abordáronse os traballos previos desenvolvidos polas entidades e os obxectivos desta nova fase de colaboración. A xornada «Criar en galego» permitiu detectar boas prácticas e carencias na oferta de produtos, contidos e servizos na lingua propia e tamén recoller propostas para lle trasladar ao tecido empresarial.
Catro ámbitos para analizar a vida cotiá
Tras a benvida, as familias distribuíronse en catro mesas temáticas:
- Pantallas, medios e referentes: abordou a oferta de plataformas de contidos audiovisuais, cinema, televisión, pódcasts, prensa, música e creación de contidos.
- Lectura e xogo: centrouse na atención aos libros, ao cómic, ao manga, aos audiolibros, aos xogos de mesa, aos xoguetes, aos videoxogos e ás aplicacións.
- Compras e servizos: analizou a presenza do galego desde a alimentación e a etiquetaxe ata o comercio, os produtos infantís, a banca, a telefonía e a confi guración dos dispositivos.
- Lecer fóra da casa: dedicouse ás actividades extraescolares, deportes, campamentos, aniversarios, restauración, museos e parques de lecer.
Observación nos fogares e propostas compartidas
As vinte familias participantes realizaron un traballo previo de observación nos seus fogares co apoio do caderno de traballo Vivir en galego en familia. Nel recolleron carencias prioritarias, boas prácticas e mensaxes dirixidas ao sector empresarial, que serviron como punto de partida para o diálogo nas mesas.
Para favorecer a diversidade de experiencias e puntos de vista, as persoas que acudiron en parella participaron en grupos de traballo distintos. A sesión rematou cunha posta en común e un debate plenario no que se priorizaron as necesidades detectadas e as propostas máis urxentes.
O encontro realizouse o sábado 7 de novembro na Casa das Asociacións de Cornes e contou cunha ludoteca con actividades de lecer atendida por monitoras durante toda a xornada, co fin de facilitar a participación das familias, a conciliación e tamén a socialización en lingua galega de vinte crianzas entre os 2 e os 8 anos.



Alingua e o Consello da Cultura Galega reuniron o pasado 7 de novembro a vinte familias nunha xornada de traballo para identificar as necesidades da crianza en galego.