Canles gañadoras dos Premios Youtubeir@s+ 2025

O sábado 7 de febreiro entregáronse os Premios Youtubeir@s+ 2025 durante a agardada gala anual, desta volta, no Teatro Xofre de Ferrol. O evento, ao que asistiron representantes das 28 canles finalistas, foi guiado por Leila Fernández (membro da canle O faiado pódcast) e Carlos Vieito (integrante do proxecto Exército Mekemeke) e contou coa actuación de DJ Russ.
Nesta novena edición dos Premios Youtubeiras+ rexistrouse a concorrencia de 126 canles diferentes, cifra que bateu a marca histórica do concurso e superou a colleitada na edición anterior, en que participaran un total de 89 canles. Nesta edición, que distingue o labor realizado pola comunidade creadora de contidos en galego na Rede ao longo de 2025, permitiuse a concorrencia de perfís en todo tipo de plataformas. Esa foi a gran mudanza nas bases, xa que na oitava edición só puido participar quen tivese perfís no YouTube e TikTok.
Para coñecer todos os detalles da gala de entrega dos premios e das canles finalistas cómpre visitar a páxina www.youtubeiras.gal e as redes do programa. A páxina acolle tamén moita información útil e interesante para sumarse á comunidade youtubeira coa finalidade última de alborotar o algoritmo.
Youtubeir@s+ é unha iniciativa organizada polos servizos de normalización lingüística dos concellos de Ames, Carballo, Ferrol, Moaña, Narón, Oleiros, Pontevedra, Rois, Santiago de Compostela e Teo; das universidades de Santiago, A Coruña e Vigo; e mais da Deputación da Coruña, ten como obxectivo promocionar o talento en galego nas redes sociais.
Parabéns para todas as persoas gañadoras destes #premiosyoutubeiras2025.
O ditame do xurado que, nesta edición, estivo conformado por Mónica Valencia, técnica de Normalización Lingüística do Concello de Ourense; Jon Amil, médico e presidente da Associaçom Galega da Língua (AGAL); Carlos Pereiro, xornalista e comunicador de videoxogos; María Rúa, creadora de contidos e gañadora do Premio á Creación de Contidos de 2024, e Uxío Broullón, ilustrador e deseñador gráfico, distribuíuse da seguinte maneira:
O Premio á Creación de Contidos levouno Konachadas. O xurado decidiu galardoar esta canle pola “súa calidade visual, a súa imaxinación e a súa capacidade” para converter calquera temática “nunha mensaxe reflexiva, divertida e reivindicativa apta para todos os públicos”.
O Premio á Mellor Canle distinguiu a Rodri Míguez. O xurado considerouno merecente do galardón “polo seu labor xornalístico, a súa traxectoria e a promoción da música en galego de xeito altruísta”.
O Premio ao Mellor Pódcast recaeu en Fóra de mapa pódcast por “usar as súas voces para crear un conxunto de pezas sonoras en forma de xanela coa que achegármonos á culturas, minorías e linguas, cunha edición coidada e profesional”.
O Premio Calidade Lingüística acadouno Patri Otero desde Santiago de Compostela por, en palabras do xurado, “utilizar e fomentar o bo uso da lingua galega, así como a súa normalización dun xeito exemplar”.
O Premio Revelación foi para O búnker debuxos. O xurado salientou desta canle a súa capacidade de “sorprender e abraiar a través da animación orixinal e artesanal, dándolle unha nova vida e unha volta a memes de noso”
O Premio Rede conquistouno outra canle compostelá, ChutenMeme, por conseguir “a través do humor” xerar “novos lazos virtuais” e facer “medrar a comunidade dixital galega”.
O Premio do Público, o único que non decidiu o xurado ao se determinar por votación popular a través da Rede, foi para o vídeo Cada historia, unha vida. O 25N no CEIP de Tarrío, de Xurxo Varela.