Un agasallo para as familias apegueiras compostelás: Festa do Apego 2025!

A Festa do Apego, o encontro máis agardado polas familias apegueiras compostelás nas datas de Nadal, celebrarase o vindeiro sábado 27 de decembro no Auditorio de Galicia.
Un ano máis, e xa van nove, o Concello de Santiago de Compostela, a través do Departamento de Lingua Galega, agasallará aos pequenos e ás pequenas da casa cunha xornada de celebración e convivencia arredor da lingua chea de música, xogos e teatro. Con este agasallo quere agradecerlles a todas as familias do programa Apego a súa participación e compromiso ao longo do ano e, asemade, convidar outras novas a se sumaren a esta iniciativa que promove a transmisión interxeracional e a socialización no noso idioma da primeira infancia. A entrada é libre ata completar a capacidade.
Un dos regalos máis destacados desta nova edición da Festa do Apego é a estrea de dous novos espectáculos. Un deles é A árbore dos desexos, un conto musicado da formación compostelá Pillaband, o grupo que en 2023 gañou os Premios Martín Codax da Música na categoría de público infantil. A outra proposta que se estreará o día 27 de decembro é Voo, unha peza de teatro físico, música e obxectos da compañía Teatro ó Cubo con Sofía Espiñeira e Uxía Algarra no escenario.
Ao longo de toda a xornada a cativada e as súas familias poderán gozar de moitas outras actividades e propostas en galego: contos, espectáculos de narración oral, xogos, recursos educativos... E como broche final, a novena edición da Festa do Apego pechará co espectáculo musical de Bibopalula, a exitosa serie de debuxos da plataforma xabarin.gal protagonizada por Ava e os paxaros do bosque. Un agasallo moi especial cheo de cancións, coreografías e efectos especiais na que será a primeira visita de Bibopalula a Compostela nunha programación en aberto (ata completar a capacidade).
A Festa do Apego terá programadas actividades de 12 a 14.30 e de 16.30 a 20 horas nos distintos espazos do Auditorio de Galicia. A entrada será de balde ata completar a capacidade.
PROGRAMACIÓN
Para bebés
Espazo: Escenario da sala Ángel Brage
Horario: Dúas sesións ás 12 h e ás 12.50 h
De 0 a 3 anos
Espectáculo de teatro de bonecos e creación sonora en directo: un conto de arrolos para a primeira infancia. Nesta ocasión, Xarope Tulú únese á dramaturxia, música e voz en directo da escritora e xornalista radiofónica Xiana Arias. O resultado é unha sensorial e coidada proposta para as crianzas máis pequenas protagonizada por Fedello e os seus amigo Meco, Sono e Noite.
Música
A árbore dos desexos, de Pillaband
Espazo: Sala Mozart
Horario: 13.30 h
A partir de 3 anos
A árbore dos desexos é un conto musicado de Pillaband, a banda compostelá gañadora dos Premios Martín Codax da Música 2023 na categoría de público infantil. Neste divertido e fermoso concerto, Pillaband contará as aventuras de Raiola, unha elefanta que vive na sabana africana. O mundo de Raiola está cheo de normas e prohibicións, así que un día decide marchar para saber cal pode ser o seu lugar no mundo e coñecerse a ela mesma.
Espazo: Sala Ángel Brage
Horario: 19 h
A partir de 3 anos
Bibopalula é un espectáculo musical de gran formato para público familiar que pechará o día de festa. Está baseado na primeira e exitosa serie musical de debuxos en galego que, desde a súa estrea en novembro de 2024 en xabarin.gal, pasou a ser o contido máis visto da plataforma en poucos días. Bibopalula, o espectáculo, está protagonizada por Ava (Lidia Veiga), unha experta observadora de paxaros que xunto ao cuarteto de aves da Banda do Bosque buscarán un tesouro escondido. Unha proposta escénica con doce cancións orixinais coñecidas polo público de Bibopalula, como ‘O Terremoto’, ‘As Estrelas’ ou ‘A Poza’ acompañadas de coreografías, efectos especiais e moita diversión.
Teatro
Espazo: Sala Mozart
Horario: 16.45 h
A partir de 3 anos
Quen non pensou algunha vez en voar? Despegar os pés do chan e, coma por arte de maxia, flotar na ingravidez? Movidas pola curiosidade máis primaria e un anhelo profundo que transcende as limitacións humanas, as dúas personaxes desta historia buscan a fórmula para alcanzar o ceo. Voo é o novo espectáculo de Teatro o Cubo que emprega o teatro físico, a música, os obxectos, o humor e a danza como motor para alcanzar os soños. Elenco formado por Sofía Espiñeira e Uxía Elgarra.
Contadas
Espazo: Espazo NOGA (escenario cafetería)
Horario: 12.45 h
A partir de 3 anos
Rosa e Azul é un espectáculo de narración oral dirixido ao público familiar que queira gozar das novas narrativas da literatura infantil. Unha sesión de contos teatralizados, que celebra a diversidade. A través da manipulación de xoguetes e monicreques artesáns, mestúranse historias reais con contos de ficción que xiran en torno ao respecto, o amor, a tolerancia e a diversidade.
Contos arredor do lume, con Alba de Vales
Espazo: escenario cafetería
Horario: 17:45h
A partir de 3 anos
Contos arredor do lume é unha compilación de contos, cantos e imaxes evocadas pola xograresa Alba de Vales, para achegarnos ao lume, nas súas distintas formas e virtudes, e para falarmos de solidariedade, agarimo, comunidade e coraxe que, como unha chama interna, precisamos para andar o noso camiño. Que mellor que as datas do Nadal, para estarmos e lembrarmos a familia que nos aquece e anima?
Xogos e recursos educativos
Espazo: Recibidor
Horario: de 12 a 14.30 h e de 16.30 a 20 h
Dirixido a público familiar
Atlantic Ponte. Exposición de recursos para a educación e a crianza en igualdade; espazo de asesoramento a familias.
Brazolinda. Un proxecto de deseño e fabricación de xogos de mesa en galego. Están deseñados para o xogo conxunto de grandes e pequenas e axudan a desenvolver a capacidade de observación, comunicación, razoamento... a través das adiviñas, as matemáticas e os xogos de agudeza visual, entre outros. O espazo Brazolinda amosa ás familias os diferentes xogos e o seu funcionamento.
Libraria Couceiro. Libros en galego para a infancia.
Bibopalula. Recursos deseñados dende a creación do espectáculo e cos que achegan ás familias elementos de uso común en galego.
Espazo: Recibidor
Horario: de 12 a 14:30 e de 16:30 a 20 horas
Dirixido a público familiar
Habilitaranse espazos de xogos e xoguetes tradicionais, de organización libre e tamén con monitoraxe, da man do equipo de Vaidavai. Colocaranse en diversos puntos do recibidor para aproveitar o espazo dispoñible nesta edición.
Con este agasallo, o programa Apego en Compostela quere ofrecerlles a todas as familias que participan nas actividades ao longo do ano e que se comprometen coa transmisión da lingua unha xornada chea de música, xogos, teatro, contos, recursos... e moita socialización en galego!