A improvisación oral en galego encheu o Auditorio de Galicia nos premios Enreguéifate 2025

O Auditorio de Galicia acolleu esta mañá a gala de entrega de premios da oitava edición do certame Enreguéifate, o proxecto impulsado polo Departamento de Lingua Galega do Concello de Santiago de Compostela xunto cos servizos de normalización lingüística dos concellos de Ames, Carballo, Pontevedra e Teo para fomentar a improvisación oral en verso en lingua galega.
Preto dun milleiro de persoas participaron nesta festa regueifeira conducida polo mestre, músico e regueifeiro Manolo Maseda; o mestre, escritor e regueifeiro Séchu Sende; e as formadoras do Enreguéifate Lupe Blanco, O Rabelo, Nuria das Cruces e Xairo d’Herbón. Unha gala accesible en lingua de signos que contou coa asistencia dunha vintena de colexios e institutos de toda Galicia, amais dunha representación de bertsolaris do País Vasco. A xornada foi amenizada tamén pola Orquestra da Regueifa, formada por estudantado do IES Antonio Fraguas de Santiago de Compostela, xuntos con alumnado do IES do Milladoiro de Ames e o IES San Tomé de Freixeiro de Vigo, así como pola música das Pandeireteiras do Camballón, alumnas do IES Marco do Camballón de Vila de Cruces.
Os premios do certame Enreguéifate foron entregados da man de Pilar Lueiro, tenenta de alcaldesa de Santiago de Compostela, ademais de Maruxa Suárez, concelleira de Cultura de Carballo; María Vázquez, concelleira de Educación, Muller, Igualdade, Diversidade e Lingua de Teo, e Blas García, alcalde do concello de Ames.
Na categoría xeral, o premio á Regueifa mellor falada, ex aequo para Guerreiras regueifeiras, "Cidades galegas", e Iria e Javi, "Vivan as nosas poetas" quedou no noso concello. Os resto dos premios foron: á Regueifa máis brava, a Paco Felípez e Óscar García, con "Veciños ben levados" (Carballo e Malpica); a Regueifa máis aguda, para Arrieiro e Chaminho pola súa "Video-regueifa atlántica" (Malpica e A Coruña); a Regueifa máis diversa, para a Escola da Regueifa de Carballo, con "A nosa propia melodía" (Carballo); a Regueifa máis reivindicativa, para as Ministras por "Se nós fósemos ministras" (Pontevedra); a Regueifa mellor cantada, que foi para a Asociación Cultural Coro Virxe da Renda (Poio) polo seu vídeo "Cantar e desfrutar"; e a Regueifa máis inclusiva, entregada aos Teiseiros Regueifeiros co seu "Non hai quen viva! Regueifa do alugueiro" (Centro de Inclusión Fundación da Santa Cruz en Vigo).
Na categoría escolar, varios centros composteláns levaron premio: á Regueifa máis aguda para o grupo 6º B Quiroga Palacios, coa súa "Regueifa do banquete" (CEIP. P. Cardeal Quiroga Palacios); o premio á Regueifa máis diversa levárono as Regueifeiras do Rosalía coa "Regueifa pola diversidade" (IES Plurilingüe Rosalía de Castro); e á Regueifa máis inclusiva entregóuselle ao grupo Radio Regueifa Inclusiva, con "Somos diferentes, somos referentes" (IES do Milladoiro de Ames e CEE Manuel Navalón, do noso concello). O resto dos premios foron: á Regueifa máis brava para Os falabarato, “CEIP Plurilingüe de Nétoma-Razo” (Carballo); á Regueifa máis reivindicativa foi para as Regueifeiras do Camballón, co vídeo "Altri non! Mina non!" (IES Marco do Camballón, Vila de Cruces); a Regueifa mellor falada para o grupo A cuarta revolta, coa regueifa "Continuemos co legado" (CPI As Revoltas, Cabana de Bergantiños); a Regueifa mellor cantada para as Regueifeiras de Dodro, "Emoción ou razón?" (CPI Eusebio Lorenzo Baleirón Tarrío, Dodro); e a Regueifa máis entroideira foi para As Entroideiras, co vídeo "O Entroido galego" (CEIP San Martiño, Pontevedra).
Á gala asistiron ademais integrantes do equipo técnico dos servizos de normalización lingüística e unha representación política dos concellos impulsores do Enreguéifate. Tamén a responsable de Lingua da Deputación da Coruña, Soledad Agra, xa que o acto celebrado no Auditorio de Galicia foi unha celebración conxunta coa Regueifesta, no seu décimo aniversario, e o Regueibertso, un programa apoiado pola Deputación da Coruña que procura a sensibilización lingüística e a difusión da regueifa e o bertsolarismo entre a xente nova. Xurdido en 2016 dentro do Proxecto Regueifesta, colectivo educativo da Asociación ORAL, o Regueibertso consiste nun intercambio entre alumnado improvisador de Galicia e do País Vasco. Este ano, a convivencia entre máis de 70 escolares regueifeiras e bertsolaris tivo lugar na nosa cidade durante esta pasada fin de semana.
Oitava edición deste certame impulsado polo Departamento de Lingua Galega do Concello de Santiago de Compostela xunto cos servizos de normalización lingüística dos concellos de Ames, Carballo, Pontevedra e Teo, para fomentar a improvisación oral en verso en lingua galega.