A Grileira, Aqueladas e Nós Televisión, empresas gañadoras da XXVI edición dos Premios Manuel Beiras

A Grileira, Aqueladas e Nós Televisión foron as empresas seleccionadas polo xurado na XXVI edición dos Premios Manuel Beiras que este ano se presentou baixo o lema "O galego é o punto". Recibiron na tarde do 1 de decembro os galardóns nunha gala celebrada no Teatro Principal e presidida pola alcaldesa, Goretti Sanmartín, e pola secretaria xeral da Cámara de Comercio, Rosa Cardeso. A gala foi presentada pola xornalista Marga Pazos e amenizada pola violoncelista Elena González.
Premios 2025
Na categoría de empresas cun uso continuado do galego, o Premio Manuel Beiras 2025 foi para A Grileira, tenda especializada en instrumentos musicais tradicionais, que representa un exemplo consolidado de compromiso real e efectivo co uso do galego no sector comercial. Na súa decisión, o xurado tivo en conta ser un exemplo de “continuidade histórica, xeración tras xeración”, de uso do galego en todos os seus procesos. Tamén valorou “a súa contribución á preservación do patrimonio musical galego a través da artesanía e da atención profesional”.
Na modalidade de nova incorporación, o galardón recaeu en Aqueladas. Cooperativa que se dedica á produción audiovisual en diferentes formatos dixitais. Na súa decisión, o xurado tivo en conta a “creatividade, responsabilidade social e aposta decidida por unha comunicación en galego moderna e de calidade” cos que Aqueladas contribúe a fortalecer o sector empresa e, por extensión, todos aqueles en que enfoca o seu traballo, como o socio-educativo.
Finalmente, a categoría de comunicación innovadora foi para Nós Televisión. A canle, de iniciativa privada, centra a súa atención en contidos de tipo divulgativo sobre cultura e lingua, emite as 24 horas do día exclusivamente en galego e funciona en galego a todos os niveis, tanto interno como cara ao público. O xurado valorou especialmente a “aposta por formatos actuais e comunicación dixital” así como “a capacidade da canle para achegar novos públicos ao idioma a través da innovación continua”.
O xurado dos Premios Manuel Beiras estivo formado este ano por Manuel Rial Amado, membro do Pleno da Cámara de Comercio de Santiago de Compostela, que o presidiu; Goretti Sanmartín, alcaldesa de Santiago; Gregorio Ferreiro Fente, da Secretaría Xeral de Lingua; Gumersindo Feijoo Costa, da Universidade de Santiago de Compostela; Ramón Paz González, en nome do Colexio de Xornalistas de Galicia; Yolanda Pérez Rivera, da Unión de Consumidores de Galicia; Lourenzo Fernández Prieto, da Real Academia Galega; Xabier Fontaíña Falque, de Toxo Telecom, Premio Manuel Beiras á nova incorporación ao uso do galego 2024; Laura Insausti Diz, de Ela Diz, Premio Manuel Beiras ao uso continuado da lingua 2024; e Darío Capelo Arán, de Chichalovers, Premio Manuel Beiras á innovación no uso da lingua galega 2024.
‘O galego é o punto’
Neste 2025, as accións publicitarias da XXVI edición dos Premios Manuel Beiras convocados polo Concello de Santiago e a Cámara de Comercio xiraron arredor do lema ‘O galego é o punto‘. Con este elemento visual e simbólico e moi empregado en anteriores edicións, pretendeuse lembrar que a lingua achega ese punto de confianza que precisan os negocios, ese punto de conexión e ese punto de valor engadido que demanda a clientela.
Tendo en conta que a sociedade compostelá valora e demanda un maior uso da nosa lingua propia, as empresas de calquera sector e de calquera tamaño están chamadas a empregaren o galego na súa comunicación cotiá e tamén a aproveitala como recurso identitario e publicitario. O Concello e a Cámara abren cada ano a través destes premios unha ventá pola que aumentar a visibilidade daquelas que contan coa nosa lingua e recoñecen tanto as que manteñen o seu compromiso co galego ao longo do tempo como as que se sumaron máis recentemente e as que engaden un plus de orixinalidade ou innovación á súa comunicación.
Foto de familia
Premio Manuel Beiras 2025 ao uso continuado da lingua galega: A Grileira
Premio Manuel Beiras 2025 de nova incorporación á lingua galega: Aqueladas
Premio Manuel Beiras 2025 cunha comunicación innovadora: Nós TV
O galego é o punto.
O galego é o punto.