Abre a inscrición nos X Premios Youtubeiras+

Co obxectivo de fomentar a creación nas redes sociais en galego con temáticas e formatos diversos, así como promover e visibilizar os diferentes perfís de persoas xeradoras de contidos na Rede, convócase unha nova edición dos premios Youtubeiras+.
O prazo de inscrición estará aberto do 17 de setembro ao 15 de novembro.
Os Premios Youtubeiras+, cuxas bases se poden consultar xa en www.youtubeiras.gal, abren a participación á creación de contidos en galego en calquera rede social e en todos os formatos. O proxecto lanza un novo galardón honorífico á traxectoria na creación dixital para celebrar a décima edición dos seus premios.
As bases que rexen esta nova convocatoria, os seus obxectivos, os datos de participación da última edición e o xurado que decidirá os galardóns en xaneiro foron as novidades que se anunciaron en Ames na rolda de presentación da edición 2026-2027 á que asistiron representantes das institucións organizadoras. Inciduse tamén en que «As redes sociais son un ecosistema fundamental para a proxección das linguas» e en que os Premios Youtubeiras+ son un premios vivos que se adaptan á realidade do eido cambiante «Despois de dez anos, mesmo podemos dicir que xa se produciu entre as participantes e os participantes un cambio xeracional: a creación de hai unha década non é tampouco a mesma que a de hoxe».
Categorías, premios e inscrición
Nesta novena edición, os Premios Youtubeiras+ repartirán 7500 € entre as persoas gañadoras das sete categorías nas que se divide o certame este ano: Canle, Creación de contidos, Podcast, Revelación, Calidade lingüística, Rede e Premio do Público. Todos os premios están dotados con 1000 €, agás os das dúas primeiras categorías, cuxos galardóns ascenden aos 1250 €. O prazo de inscrición xa está aberto e remata o próximo 15 de novembro ás 23.59 horas.
Datos da última edición
A estes galardóns concorreron un total de 126 canles en 2025 fronte ás 89 canles en 2024 ou 68 de 2023. No referente ao Premio do Público, en 2025 presentáronse 49 vídeos nesta categoría, fronte aos 41 do curso anterior ou 24 de 2023.
Na primeira edición de Youtubeiras, que tivo lugar entre 2016 e 2017, o certame fixábase máis nos vídeos, xa que a participación non se aglutinaba como agora ao redor das canles. Con esa forma inicial de contabilizar a participación, en 2017 acadouse a concorrencia de 202 vídeos, mentres que en 2020, no ano dos confinamentos por mor da pandemia da covid, chegouse ao pico de 536 vídeos.
«Dez anos en rede»
O xurado que escollerá as canles e persoas gañadoras deste ano está formado por Nuno Pico, músico e produtor; Eira Losada, comunicadora audiovisual; Nuria Grandío, creadora de contido e publicista; Emma Pedreira, escritora; e Bea Saiáns, guionista e directora.
Os obradoiros de Youtubeiras+, outro piar fundamental do proxecto, ofrecen pequenas pílulas formativas para multiplicar o talento por 10, 100, 1000! Nesta nova edición ofertaranse tres obradoiros: María Rúa ofrecerá a sesión titulada Como ser unha ‘turras’ sen parecelo o 7 de outubro, Nuria Grandío impartirá o taller Crear contidos con estratexia: das ideas ás redes sociais o 14 de outubro e Nee Barros encargarase do obradoiro Conecta en galego: diversidade, talento e redes sociais o 21 de outubro. Celebraranse todos eles en liña e serán de balde, previa inscrición.
Youtubeiras+ é unha iniciativa organizada polos servizos de normalización lingüística de Ames, Carballo, Ferrol, Moaña, Narón, Oleiros, Pontevedra, Rois, Santiago de Compostela e Teo, das universidades da Coruña, Santiago de Compostela e Vigo e da Deputación da Coruña.
