Abre a inscrición nos IX Premios Youtubeiras+

Co obxectivo de fomentar a creación nas redes sociais en galego con temáticas e formatos diversos, así como promover e visibilizar os diferentes perfís de persoas xeradoras de contidos na Rede, convócase unha nova edición dos premios Youtubeiras+.
O prazo de inscrición estará aberto do 17 de setembro ao 16 de novembro.
Os Premios Youtubeiras+, cuxas bases se poden consultar xa en www.youtubeiras.gal, abren a participación á creación de contidos en galego en calquera rede social e en todos os formatos. O concurso, que ata a edición pasada só permitía concorrer a quen lanzase as súas creacións en YouTube e TikTok, amplía o seu campo de acción e permite competir ás persoas maiores de 16 anos que teñan canles autoproducidas nas redes sociais en activo e accesibles durante o certame.
As bases que rexen esta nova convocatoria, os seus obxectivos, os datos de participación da última edición e o xurado que decidirá os galardóns en xaneiro foron as novidades que se anunciaron en Vigo na rolda de presentación da edición 2025-2026 á que asistiron representantes das institucións organizadoras. Inciduse tamén en que «As redes sociais son un ecosistema fundamental para a proxección das linguas» e en que os Premios Youtubeiras+ se volven «máis abertos, máis amplos e aínda máis inclusivos» grazas aos cambios que se introducen nesta novena edición.
Categorías, premios e inscrición
Nesta novena edición, os Premios Youtubeiras+ repartirán 7500 € entre as persoas gañadoras das sete categorías nas que se divide o certame este ano: Canle, Creación de contidos, Podcast, Revelación, Calidade lingüística, Rede e Premio do Público. Todos os premios están dotados con 1000 €, agás os das dúas primeiras categorías, cuxos galardóns ascenden aos 1250 €. O prazo de inscrición xa está aberto e remata o próximo 16 de novembro ás 23.59 horas.
Datos da última edición
A estes galardóns concorreron un total de 89 canles en 2024, fronte ás 68 de 2023. Delas, 49 procedían de YouTube e 40 de TikTok. Ao sumar os vídeos creados en todas estas canles ao longo do certame, o cómputo global representou máis de 19 720 minutos de novos vídeos en galego en ambas as dúas plataformas.
No referente ao Premio do Público, en 2024 presentáronse 41 vídeos nesta categoría, fronte aos 24 do curso anterior. Para outorgar este galardón, que se decide por voto popular entre internautas, máis de 5000 persoas participaron na votación.
Na primeira edición de Youtubeiras, que tivo lugar entre 2016 e 2017, o certame fixábase máis nos vídeos, xa que a participación non se aglutinaba como agora ao redor das canles. Con esa forma inicial de contabilizar a participación, en 2017 acadouse a concorrencia de 202 vídeos, mentres que en 2020, no ano dos confinamentos por mor da pandemia da covid, chegouse ao pico de 536 vídeos.
«Alborotar o algoritmo»
O xurado que escollerá as canles e persoas gañadoras deste ano está formado por Mónica Valencia, técnica de Normalización Lingüística do Concello de Ourense; Jon Amil, médico e presidente da Associaçom Galega da Língua (AGAL); Carlos Pereiro, xornalista e comunicador de videoxogos; María Rúa, creadora de contidos e gañadora do Premio á Creación de Contidos de 2024; e Uxío Broullón, ilustrador e deseñador gráfico.
Os obradoiros de Youtubeiras+, outro piar fundamental do proxecto, serán impartidos nesta edición por Nuria Espasandín e Sergio Casal, de Toxío, e mais Laura Veiga, de Pingando. Este ano o lema do programa é “Alborotando o algoritmo” e, no caso do Concello de Santiago, serán impartidos, baixo demanda dos centros de educación secundaria, entre os meses de xaneiro e marzo de 2026.
Youtubeiras+ é unha iniciativa organizada polos servizos de normalización lingüística de Ames, Carballo, Ferrol, Moaña, Narón, Oleiros, Pontevedra, Rois, Santiago de Compostela e Teo, das universidades da Coruña, Santiago de Compostela e Vigo e da Deputación da Coruña.
Os Premios Youtubeiras+ abren a participación á creación de contidos en galego en todas as redes sociais