Volven as actividades do Apego
De martes a venres, cada tarde, con coidado mais con confianza, poderemos ir gozando dos contos, a música, os xogos, as charlas en familia... sempre na nosa lingua.
Tardes de contos (para crianzas de 0 a 3 anos). Os martes laborables a partir do 9 de xuño de 17 a 18.30 h (o acceso ao espazo comezará a partir das 16.30 h). Contos lidos, contos musicais, avoas que contan, visitas de autores, construción de poemas, dramatizacións… un tempo no que achegarse á literatura oral e escrita!
A familia vai á escoliña! (para nais, pais ou persoas encargadas da crianza ata os 6 anos). Os mércores laborables a partir do 3 de xuño. Charlas e obradoiros prácticos sobre diferentes aspectos da crianza:
- 10 de xuño. “Seguridade viaria: a contramarcha” con Gaia Ecocrianza. Para familias que agardan un bebé e con crianzas ata 5 anos. Ás 17 h. Charla na que se falará sobre sistemas de retención infantil.
- 17 de xuño. “Obradoiro de coleo” con Gaia Ecocrianza. Charla-obradoiro sobre os beneficos de colear. Haberá dúas sesións: para familias que agardan un bebé ás 16.45 h e para as que teñen crianzas entre 0 e 5 anos ás 18.40 h.
Enredando (para crianzas de 2 a 6 anos e só para cubrir a conciliación da charla que se desenvolve de forma paralela no caso de que as persoas asistentes o precisaren). Os mércores laborables a partir do 10 de xuño. Espazo de entretemento activo en que se promove a socialización e a expresión verbal, xestual, corporal… manexando ditos, cancións, xogos, xoguetes...
Os xoves función! (para crianzas ata os 6 anos). Os xoves laborables alternos a partir do 4 de xuño. Representacións teatrais, musicais, contacontos, sensoriais... guiadas por artistas especializados.
- 4 de xuño. “Carabuñas” con Susana Penabad Ramos (para maiores de 3 anos). Ás 18 h. Conto tradicional que achega a historia de Carabuñas e onde se elaborará unha manualidade final.
- 11 de xuño. “Saaabor!” con Félix Rodríguez e Fran Rei (para maiores de 3 anos). Ás 18 h. Espectáculo cómico con música e maxia.
- 25 de xuño. “O conto de Barriga Verde” con Fran Rei (para maiores de 3 anos). Ás 16.45 e ás 18.40 h (dúas sesións). Contos elaborados a partir de textos de Manuel María e co personaxe principal de Barriga Verde.
Enredando (para crianzas de 3 a 6 anos). Os xoves laborables alternos en que non haxa función a partir do 18 de xuño e de 17 a 18.30 h. Espazo de entretemento activo en que se promove a socialización e a expresión verbal, xestual, corporal… manexando ditos, cancións, xogos, xoguetes...
Xogos de palabras (para crianzas de 3 a 6 anos). Os venres laborables a partir do 5 de xuño de 17 a 18.30 h. Xogar coa palabra falada e cantada para entreterse é un costume moi arraigado na crianza tradicional. Coñecer a contorna a través das palabras e aprender a relacionarse vén en parte dado por estes xogos.
Para poder cumprir as normas de distanciamento todas as actividades terán un límite reducido de asistentes e precisarán inscrición previa en dlg@santiagodecompostela.gal (nome completo, idade de cada unha das persoas asistentes e teléfono de contacto). O prazo de inscrición en cada actividade abrirá unha semana antes (ás 00 h do día correspondente da semana anterior).
Para poder seguir as normas de hixienización o acceso ao espazo comezará arredor de vinte minutos antes de cada actividade. Na sala de actividades entrarase sen calzado (aconséllase acudir con calcetíns grosos). Será obrigatorio o uso de máscara.
Paseniño, este mes de xuño volven as actividades que nos invitan a coñecer a casa onde habita Po.