Voluntariado para o intercambio lingüístico

Xeral
01/09/2022

Elos é un programa para facilitar o contacto entre persoas que desexan aprender e practicar o galego e persoas que voluntariamente queiran colaborar con elas. Pola súa vez, quen aprende galego, se é o caso, pode ensinarlle outra lingua á persoa que está a axudala.

A partir dos datos de inscrición, comporemos parellas lingüísticas tendo en conta a dispoñibilidade e os intereses e citarémolas a un primeiro encontro presencial no Departamento de Lingua Galega (rúa da República do Salvador, 12), coa mediación dunha persoa coordinadora do programa. Os datos de contacto só se facilitarán unha vez que as dúas persoas confirmen a aceptación.

O funcionamento posterior é autónomo, co compromiso de conversar en galego, cando menos, unha hora á semana. 

Periodicamente organizaremos rutas histórico-artísticas e visitas a museos para ampliar o contacto coa lingua e coñecer máis sobre o noso contexto cultural.

Quen pode participar?

Calquera persoa, de aquí ou de fóra, que queira aprender a falar en galego e dispoña dunha hora á semana para dedicarlle a esta aprendizaxe.

Calquera persoa que saiba falar galego, teña unha hora dispoñible á semana e a vontade de axudar outras persoas a aprender ou mellorar a súa competencia na nosa lingua. 

En que me vai axudar?

Para entender mellor calquera información.

Para comezar a falalo.

Para atopar con quen practicar.

Para coñecer máis e mellor a xente e a cultura deste lugar. 

E de que me serve?

Podes facer novas amizades, coñecer outras realidades e culturas e quizais intercambiar a túa lingua con outra que desexes aprender. 

Ademais podes participar de balde en actividades complementarias como visitas a museos e rutas guiadas por Compostela coas que afondar no teu coñecemento da cidade e de Galicia.

 

Inscrición

Para participar só é necesario cubrir un pequeno formulario, segundo o caso:

PARA PERSOAS QUE QUEREN APRENDER

PARA QUEN FALA GALEGO E QUERE COLABORAR

 

Participa e FÁLAME GALEGO!

 

Resumo: 

Unha forma de aprender conversando