Unha gran festa para moito pequeno público

Crianzas
30/12/2019

 

 

 

 

Practicamente 2.000 persoas, estritamente contadas, ateigaron durante todo o día a Festa do Apego. 

As únicas caras de frustación que se viron estiveron producidas pola dificultade para participar nalgunha das actividades que, polas súas características, limitaban o número e prazas dispoñibles. 

Desde as 12 da mañá, cando comezou o primeiro dos espectáculos teatrais para os máis cativos, se iniciaron os obradoiros e abriron os postos da feiriña, a afluencia de público foi continuada e o interese das familias por achegárense aos recursos e as actividades que se lles ofrecen en galego foi ben evidente en calquera dos espazos e activiades preparados arredor de varias disciplinas artísticas e ámbitos de socialización e crianza.

Na completa programación da festa tivéronse en conta os audiovisuais, os contacontos, o teatro, a música, o xogo libre, os xogos de mesa, os recursos educativos, as activiades plásticas e manuais, a danza e o movemento, os libros e a lectura, as escolas infantís, os centros socioculturais, o comercio especializado e a crianza natural. As familias puideron optar entre unha oferta diversa para gozar do tempo de lecer coas nenas e nenos entre 0 e 6 anos e, á vez, atopar información e incentivos para que o galego sexa a lingua escollida para a crianza.

O interese que logrou espertar esta terceira convocatoria da Festa do Apego e a boa receptividade, fannos comezar xa a pensar na seguinte edición!

Resumo: 

As salas do Auditorio de Galicia quedaron pequenas para acoller as familias que acudiron á Festa do Apego o 28 de decembro