Un decembro cargadiño de Apego!

Unha gárgola...
Crianzas
01/12/2021

Gárgolas!

Figuras humanas, aves, cans ou monstros de todo tipo, en Compostela hai centos de gárgolas penduradas das fachadas, protexendo as paredes da auga da choiva.

Este mes, o coleccionable de actividade atemporal proponnos coñecer as gárgolas da cidade, construír unha e tamén achegarnos ao Espiño para merendar e para gozar das árbores e das gárgolas do pazo e da capela. Un plan completo para unha tarde en famila!

O  Espazo Apego (rúa da República do Salvador, 12 - entresollado), acolle as actividades semanais que xera o programa Apego en Santiago para promover o uso do galego na infancia. As propostas ofrecen un tempiño de lecer no que gozarmos cos contos, a música ou o xogo, á vez que xeran un contexto favorable para conectar coa lingua. Este decembro, vestirémonos de gala para festexar o Nadal nas actividades ordinarias e nas propostas especializadas que vos han encantar!

 

Resumo de actividades semanais e formularios de inscrición:

MARTES. TARDES DE CONTOS (de 0 a 6 anos). Ás 17.30 h

Contos de calquera das maneiras posibles para achegar a cativada á literatura oral e escrita.

Inscrición para o 7 de decembro

Inscrición para o 14 de decembro

Inscrición para o 21 de decembro

 

MÉRCORES. XOGOS DE PALABRAS (de 3 a 6 anos). Ás 17.30 h

As palabras son moitas veces a chave do xogo, sérvennos para establecer as normas, animar, interactuar… Imos poñelo en práctica con ditos e cancións para entreternos, coñecérmonos mellor e relacionarnos.

Inscrición para o 1 de decembro

Inscrición para o 15 de decembro

Inscrición para o 22 de decembro

 

XOVES DE FUNCIÓN. Ás 17.30 h

16 de decembro “Ris - ras” con Baobab Teatro (1-8 anos). Viaxe a través da música, xogos, enredos e historias da tradición oral galega da man dun trasno que nace do amor entre Catarina e Lourenzo (a Lúa e o Sol). A palabra e as brincadeiras estarán sempre presentes para pasar un anaco feliz en familia.

 

XOVES. ENREDANDO (de 2 a 6 anos) Ás 17.30 h

Espazo de entretemento activo no que se promove a socialización e a expresión (verbal, xestual, corporal) manexando ditos, cancións, xogos, xoguetes... os xoves que non temos función:

Inscrición para o 2 de decembro

Inscrición para o 9 de decembro

Inscrición para o 23 de decembro

 

VENRES. OBRADOIROS PARA MEDRAR (familias con crianzas ata os 6 anos). Ás 17.30 h

Obradoiros prácticos, dirixidos a nais e pais, sobre diferentes aspectos da crianza que se van desenvolvendo ao longo do mes cunha sesión semanal. Tratan de temas de especial interese nas idades máis temperás e combinan a aprendizaxe das persoas adultas con actividades para a cativada. Para esta actividade non hai límite no número de persoas adultas por cada crianza para promovermos a educación familiar.

“Xogo e aprendizaxe”

Os venres deste mes guiará os obradoiros Gaia Ecocrianza para falarnos da importancia do xogo na aprendizaxe e de como podemos organizar un bo espazo de xogo. Os espazos de xogo deben ser lugares onde ser e estar e deben facilitar sensacións de calidade e crear diálogos entre a crianza e a súa contorna. O xogo libre é o xeito en que as crianzas, exploran, aprenden a relacionarse, coñecen os seus límites, a elas mesmas e a outras e tamén aprenden normas. O material non estruturado favorece o xogo libre…

Os obradoiros tratarán de dous aspectos: como prepararmos os espazos de xogo (primeira parte) e xogo libre, as pezas soltas e a aprendizaxe (segunda parte). Un feixiño de temas encherá as tardes dos venres con moooito apego lúdico.

A inscrición das familias para os obradoiros é única para todos os venres do mes (3, 10 e 17 de decembro) neste formulario.

 

PROGRAMACIÓN DE NADAL

Este mes, a Asociación Semente Compostela achégase  ao Espazo Apego para ir preparándonos para as festas do Nadal arredor da figura do Apalpador cunha serie de obradoiros creativos. Todas as actividades están recomendadas para crianzas entre 3 e 8 anos (as menores de 5 acompañadas dunha persoa adulta)

  • 11 de decembro:

11 h Obradoiro de cartas ao Apalpador con Séchu Sende

12 h Obradoiro de creación artística de cartas ao Apalpador con Mirari Urruzola

  • 18 de decembro:

11 h Obradoiro de faroliños para a ruada do Apalpador con Mirari Urruzola

12 h Obradoiro de faroliños para a ruada do Apalpador con Mirari Urruzola

A última semana do ano énchese de actividades especializadas no Espazo Apego e, no camiño de recuperación ao ritmo das antigas festas, haberá unha festiña moi xeitosa no Auditorio de Galicia.

  • 27 de decembro “Chuches Amil” con Fran Amil ás 17.30 h (a partir de 3 anos). Versión acústica do proxecto musical que achega cancións soñadoras, con contos ao revés, monstros que xa non queren asustar, sobre a amizade…
  • 28 de decembro “Xogos de mesa” con Brazolinda ás 17 h (de 3 a 8 anos). Tarde de xogos coa creadora Brazolinda para divertírmonos en familia, desenvolvermos a capacidade de observación, comunicación, razoamento... a través das adiviñas, as matemáticas ou xogos de agudeza visual.
  • 29 de decembro  “UMU_Música e ritmo para bebés” ás 17.30 h con María Move (0-3 anos).  Actividade onde a música, o ritmo e a fala van acompañar o medrar dos máis pequenos. Danzaremos marcando o pulso da música e mais da pegada do ritmo logo dunha escoita activa.

FESTIÑA DO APEGO o 30 de decembro no Auditorio de Galicia. Para festexarmos o Apego no comezo do camiño de volta ás clásicas festas de final de ano. Reserva de entradas para todos os espectáculos a partir do 20 de decembro ás 11 h en compostelacultura.gal  e no despacho de billetes da Zona C. Punto de Información Cultural. Aberto de martes a sábado, de 11 a 14 e de 16 a 19 h. Domingos de 11 a 14 h.

12 h:     “Arrolos de salitre” con Faia Díaz e Guillerme Fernández (0-3 anos)

             “Os tres porquiños” con Migallas Teatro (0-3 anos)

Dúas propostas nun mesmo espazo (reserva de entrada única). A música vaina presentar Faia Díaz e Guillerme Fernández nun concerto-obradoiro de cantos de berce onde aprenderemos melodías para arrolar as crianzas con lingua, música e moito, moito apego. O conto vaino pór  Bea Campos, de Migallas Teatro, coa súa particular e orixinal historia sobre os tres porquiños.

17 h:     “Aguratrat” con Pérez&Fernández (a partir de 6 anos)

Adaptación teatral do libro Esio Trot  de Roald Dahl, un dos autores máis lidos da literatura infantil universal. Historia onde sobresaen dous importantes aspectos: o amor entre as persoas maiores e o amor aos animais. Ambos os temas trátanse con delicadeza e humor apoiados    nos xogos de palabras, nas tartarugas, nos maiores e nas ideas orixinais e divertidas. Aguratrat é tartaruga ao revés!

18.30 h: “A fiestra dos soños” cos Trotaventos (a partir de 3 anos).

Espectáculo musical para o público miúdo onde os  poemas se converten en cancións que recollen todo tipo de influencias e ritmos, variedade de compases, cambios de tonalidade… A fiestra dos soños é, un proxecto non para crianzas nin para persoas adultas, senón para          soñadores e soñadoras.

 

________________________________

Todas as actividades precisarán inscrición previa.

O acceso aos formularios de inscrición atópase en cada apartado desta nova e tamén na sección de actividades das webs apego.gal e delingua.santiagodecompostela.gal (onde se irán publicando semana a semana), agás a festiña do Apego do día 30 de decembro, que precisará reserva para cada unha das tres actividades en compostelacultura.gal.  O prazo para anotarse nas actividades do Espazo Apego remata ás 12 h do día anterior a cada actividade.  As prazas asígnanse por orde de entrada das inscricións e confírmanse mediante unha mensaxe ao correo electrónico facilitado, unha vez pechado o prazo. En caso de que queden prazas libres, o formulario poderá permanecer aberto un día máis pero é preciso asegurase de que se recibiu a confirmación para poder asistir á actividade. 

Para anular a praza ou calquera outra incidencia pregámosvos que enviedes un aviso ao noso enderezo habitual: dlg@santiagodecompostela.gal

Pregamos que nas actividades dirixidas a nenas e nenos acuda como máximo unha persoa adulta por crianza.

O acceso ao espazo abre uns quince minutos antes de cada actividade. Aconséllase acudir con roupa cómoda e é obrigatorio o uso de máscara.

Resumo: 

Proposta coleccionable e proposta de actividades para a infancia con moito Apego