Territorio Xogantín
Durante as mañás, do 2 de agosto ao 3 de setembro, reservamos un tempo para deixar a morriña na casa e botarnos fóra para xogar coma sempre: con toda a imaxinación e todas as palabras que fagan falta.
TERRITORIO XOGANTÍN ten como obxectivo ofrecer un tempo de socialización a través do xogo e do patrimonio lingüístico vinculado a el, no que a cativada de 6 a 10 anos interaccione nun ambiente en que o galego é a lingua de referencia. Por outra parte, supón unha alternativa lúdica para os nenos e nenas que permanecen na cidade durante o mes de agosto que permite tamén agasallar as persoas adultas responsables do seu coidado cun tempo libre para que poidan realizar as súas encomendas ou gozar da cidade.
O punto de encontro situarase na praza do 8 de Marzo, convenientemente sinalizado desde as 11.30h. A partir deste referente, o grupo moverase pola zona e volverá de novo ao punto de encontro ás 13.30 h.
Para participar, durante os primeiros 15 minutos da actividade, poderán incorporarse os nenos e nenas que o desexen. As persoas responsables que acudan con eles terán que cubrir o formulario cos datos necesarios para deixalos ao coidado dos monitores. Acolleranse participantes segundo vaian chegando ata completar o máximo de 20.
No caso de choiva, habilitarase o CSC da Caramoniña.
Guía a actividade Xandobela Educación e Cultura.