Quedamos polas mañás

Territorio Xogantín
Crianzas
02/08/2021

Durante as mañás, do 2 de agosto ao 3 de setembro, reservamos un tempo para deixar a morriña na casa e botarnos fóra para xogar coma sempre: con toda a imaxinación e todas as palabras que fagan falta.

TERRITORIO XOGANTÍN ten como obxectivo ofrecer un tempo de socialización a través do xogo e do patrimonio lingüístico vinculado a el, no que a cativada de 6 a 10 anos interaccione nun ambiente en que o galego é a lingua de referencia. Por outra parte, supón unha alternativa lúdica para os nenos e nenas que permanecen na cidade durante o mes de agosto que permite tamén agasallar as persoas adultas responsables do seu coidado cun tempo libre para que poidan realizar as súas encomendas ou gozar da cidade.

Desenvolvemento:

A actividade é unha oportunidade para que nenos e nenas se apropien do espazo público para xogar  do xeito máis libre posible, sen recursos especiais, e adquiran as habilidades e os coñecementos que tradicionalmente se asociaban ao xogo libre e que na actualidade, por veces, non chegan a coñecer e practicar. En resumo, Territorio Xogantín pretende superar limitacións que as nenas e nenos sofren para actuar como tales no ámbito urbano polos ritmos de vida a que son sometidos, polas dificultades e perigos que se asocian ao espazo público e tamén pola enorme competencia doutras ferramentas e recursos máis sedentarios..

Partindo dun punto de encontro fixo ao que simplemente terán que acudir e cubrir a folla de inscrición (sen reserva previa), as nenas e nenos quedarán a cargo de monitores especializados para, durante dúas horas, aprender xogar e organizarse para ocupar o tempo de lecer de xeito divertido, san, participativo, solidario, respectuoso co medio..., para ser quen de facelo pola súa conta, sen intervención de guías, sen máquinas, xoguetes complexos ou grandes recursos.

As persoas monitoras do grupo actúan de guías, mais procurarán sempre fomentar a iniciativa e a autonomía das participantes. O seu papel como referentes do xogo facilitará que o sexan tamén do uso do galego e dun comportamento lingüístico libre de prexuízos negativos de cara a que esta sexa a lingua de funcionamento do grupo e na que establezan as novas relacións entre os nenos e nenas.

Durante as dúas horas da actividade procurarase tamén achegar coñecemento sobre o espazo en que se desenvolve e mesmo se procurará buscar a interacción coas persoas da contorna (espazos culturais, tendas...) co fin de ampliar a rede de socialización, os recursos que lles dean autonomía e seguridade aos nenos e nenas e as posibilidades de uso do espazo público. Respectaranse en todo momento as medidas de seguridade sanitaria vixentes.

Persoas destinatarias:

Nenos e nenas entre 6 e 10 anos.

Máximo 20 participantes cada día.

Lugar:

O punto de encontro situarase na praza do 8 de marzo, convenientemente sinalizado. A partir deste referente, o grupo moverase pola zona e volverá de novo ao punto de encontro onde as nais e pais deixan e recollen os participantes.

Calendario:

De luns a venres entre o 2 de agosto e o 3 de setembro incluídos. Non haberá actividade o 16 de agosto.

De 11.30 a 13.30 horas.

Procedemento para participar:

No punto de encontro, durante os primeiros 15 minutos da actividade, poderán incorporarse os nenos e nenas que o desexen. As persoas responsables que acudan con eles terán que cubrir o formulario cos datos necesarios para deixalos ao coidado dos monitores.

Acolleranse participantes segundo vaian chegando ata completar o máximo de 20.

Monitoraxe:

Xandobela Educación e Cultura

Resumo: 

Territorio Xogantín, unha proposta para xogar na rúa, en grupo, sen consolas, sen móbiles, sen...