Regueipremios do Enreguéifate 2021
Malia continuar nun ano golpeado pola pandemia e as restricións pertinentes, o Enreguéifate recibiu 42 vídeos durante o prazo de participación.
A participación neste proxecto que organizan os concellos de Ames, Pontevedra, Rianxo, Santiago de Compostela e Teo, é aberta a calquera procedencia. Deste xeito, os vídeos chegaron dos concellos de Ames, Baio, Cambre, Caldas de Reis, Santiago, Vigo, Mondoñedo, Rianxo, Pontevedra, Moaña, Malpica de Bergantiños, Ponteareas ou Tordoia.
A convocatoria, como cada ano, prevía dúas categorías: escolar, para traballos vinculados a un centro educativo, e xeral para calquera persoa sen restricións de idade o ámbito. A participación na categoría escolar foi a máis numerosa este ano, con 36 vídeos.
O xurado estivo composto por María López, concelleira en Teo e profesora; Manolo Maseda, mestre, músico e regueifeiro; Séchu Sende, mestre, escritor e regueifeiro; e A Rabela, rapeira, filóloga e regueifeira. A súa decisión deu como resultado os seguintes galardóns:
Categoría xeral
- A máis brava: Regheifeiras da Pontragha - "Practicando para o "vrau"
- A máis aguda: Patty e Iván - "Trocando roles"
- A máis diversa: Chaminho e Arrieiro - "Koruño vs. Rural"
- A máis reivindicativa: As Canosa - "Máxico é o galego"
- A mellor falada: Xurxo Souto e Oscar o Arrieiro - "Torgho de Bergantiños"
- A mellor cantada: Os irmáns Tato - "Regueifando co protocolo"
Categoría escolar
- A máis brava: Patakas Bravas - "A guerra do bonito"
- A máis aguda: As Marías do Lamas - "As Marías"
- A máis diversa: Pitifláuticos - "Nós queremos igualdade!!!"
- A máis reivindicativa: Rimas coma balas - "Exprésate rimando"
- A mellor falada: 21 garabullos - "A regueixeira"
- A mellor cantada: Dúas moi galegas - "Sons da aldea"
Nesta edición, a prudencia polas condicións sanitarias recomendou mudar o habitual acto final para a entrega dos Regueipremios por unha alternativa que non promovese o desprazamento e o encontro entre participantes. Velaquí, xa que logo, o vídeo onde se anuncian as regueifas gañadoras do Enreguéifate 2021:
O xurado xa emitiu a súa decisión sobre as 42 vídeo-regueifas participantes