Proposta de actividades infantís para o verán

Actividades infantís en xullo e agosto de 2020
Crianzas
01/07/2020

É verán, mais non parece un verán coma os outros... As vacacións van ser un chisco diferentes este ano e iso incomódanos e inquiétanos, pero sabemos que todo vai pasar e vai abrirse diante nosa un mundo fermoso e novo. Para facer máis levadeiro o camiño e pasar mellor os momentos de nervios e incerteza, propoñémosvos nesta época unha actividade para toda a familia: ioga! Comezamos por trocar o famoso mantra indú por este outro: "Oooonnnsss..."

Esta actividade relaxante que atoparedes no folleto compleméntase cun feixiño de propostas para facer nestes meses de xullo e agosto en Compostela. Animádesvos?

Espazo Apego segue acollendo nunha contorna segura aquilo que máis nos gusta durante o mes de xullo:

Tardes de contos (para crianzas de 0 a 3 anos). Os martes de 17 a 18.30 h (o acceso ao espazo comezará a partir das 16.40 h). Contos lidos, contos musicais, avoas que contan, visitas de autores, construción de poemas, dramatizacións… un tempo no que achegarse á literatura oral e escrita!

A familia vai á escoliña! (para nais, pais ou persoas encargadas da crianza ata os 6 anos). Os mércores ás 17.30 h. Charlas e obradoiros prácticos sobre diferentes aspectos da crianza:

  • 1 de xullo. “Masaxe e xogo sensorial” con Gaia Ecocrianza. Para familias con bebés de 0 a 6 meses. Obradoiro teórico-práctico sobre masaxe e xogo sensorial.
  • 8 de xullo. “O apoio á lactación materna" con Mámoa. Para embarazadas e nais lactantes. Faladoiro onde compartir experiencias e exemplos prácticos sobre o aleitamento.
  • 15 de xullo. "A exploración libre para as crianzas" con Gaia Ecocrianza. Para familias con crianzas entre 8 meses e 5 anos. O papel que a persoa adulta ha desenvolver durante o tempo de xogo é un dos temas que se tratarán neste obradoiro.
  • 22 de xullo. "O son da auga" con Almudena Alonso. Para familias con crianzas de 3 a 6 anos. Obradoiro tecnolóxico con elementos facilmente dispoñibles.
  • 29 de xullo. "Xogo  libre e material non estruturado" con Gaia Ecocrianza. Para familias con crianzas de 0 a 6 anos. Obradoiro teórico-práctico para dar a coñecer a importancia do xogo libre.

Enredando (para crianzas de 2 a 6 anos e só para cubrir a conciliación da charla que se desenvolve de forma paralela no caso de que as persoas asistentes o precisaren). Os mércores. Espazo de entretemento activo en que se promove a socialización e a expresión verbal, xestual, corporal… manexando ditos, cancións, xogos, xoguetes...

Os xoves función! (para crianzas ata os 6 anos). Os xoves alternos ás 18 h. Representacións teatrais, musicais, contacontos, sensoriais... guiadas por artistas especializados.

  • 9 de xullo. “Arrolos e colos musicais” con Mª Leticia Falcón (de 0 a 4 anos). Ás 18 h. Obradoiro musical onde se empregarán ferramentas básicas e materiais inéditos.
  • 23 de xullo. “Un bico para Alí” con Fabaloba e Luís Prego (de 0 a 6 anos). Ás 18 h. A historia de Alí combinada con música en directo, e coa mostraxe recursos para a educación.

Enredando (para crianzas de 3 a 6 anos). Os xoves alternos en que non haxa función de 17 a 18.30 h. Espazo de entretemento activo en que se promove a socialización e a expresión verbal, xestual, corporal… manexando ditos, cancións, xogos, xoguetes...

Xogos de palabras (para crianzas de 3 a 6 anos). Os venres de 17 a 18.30 h. Xogar coa palabra falada e cantada para entreterse é un costume moi arraigado na crianza tradicional. Coñecer a contorna a través das palabras e aprender a relacionarse vén en parte dado por estes xogos.

Para poder cumprir as normas de distanciamento todas as actividades  do Espazo Apego terán un límite reducido de asistentes e precisarán inscrición previa en dlg@santiagodecompostela.gal (nome completo, idade de cada unha das persoas asistentes e teléfono de contacto). O prazo de inscrición en cada actividade abrirá unha semana antes (ás 00 h do día correspondente da semana anterior).

Para poder seguir as normas de hixienización o acceso ao espazo comezará arredor de vinte minutos antes de cada actividade. Na sala de actividades entrarase sen calzado (aconséllase acudir con calcetíns grosos e roupa cómoda). Será obrigatorio o uso de máscara.

Ademais das do Espazo Apego hai outras actividades ao aire libre que vos han prestar ben:

O sábado 4 de xullo poderemos gozar do "Menú de contos" de Charo Pita ás 12 h na praciña da igrexa de San Pedro e do baile das Armadanzas "Na punta do pé" ás 18 h no campo da Angustia dentro da programación de Prima 20.

Un ano máis faremos nosa a rúa durante o mes de agosto xogando libremente co "Territorio xogantín" guiado por Xandobela. Para crianzas de 6 a 10 anos, de luns a venres desde o 3 de agosto ata o 4 de setembro quedamos na praza do 8 de Marzo ás 11.45 h, pero inscribíndonos previamente no formulario que haberá dispoñible a partir do 27 de xullo en delingua.santiagodecompostela.gal. O prazo de inscrición semanal pechará o xoves da semana anterior á escollida ás 15 h.

E os Martes de contos no parque de Bonaval ás 18 h serán tamén con inscrición previa a partir do xoves anterior a cada contada en reservas.gal coa seguinte programación:

  • 4 de agosto. "Bailar nas nubes" con Sole Felloza (de 0 a 6 anos). Unha nena soña con bailar coas nubes mais, a súa casa está pegadiña á terra e moi, moi lonxe do ceo!
  • 11 de agosto. "Elas tres (a nai, a nena, a bruxa) e moitas outras" con Paula Carballeira (de 0 a 6 anos). Unha nena é a protagonista da súa historia. Nada máis sinxelo. Nada máis difícil. 
  • 18 de agosto. "Contos a pé de rúa" con Caxoto (de 0 a 6 anos). Un particular varredor municipal chega á praza para realizar a súa función co mellor dos ánimos...
  • 25 de agosto. "As lembranzas de Carolina" con Isa Herrero e Raquel López Cendán (de 2 a 7 anos). Carolina é unha galiña que ten as cousas claras desde pequena, de feito case o primeiro que fixo, foi cambiar o nome.

Aínda que este verán sexa diferente xa vedes que tamén o poderemos pasar xenial. Anotádevos e gozade del!

 

 

Resumo: 

É verán, e o Espazo Apego seguirá aberto durante o mes de xullo. En agosto as actividades serán ao aire libre.