As palabras perdidas
CONTOS NO PARQUE
Os martes do mes de agosto temos unha cita no parque de Bonaval! As actividades do Apego saen fóra e invítanvos a vir escoitar, participar e socializar en galego todos os martes ás 18 h na zona da plataforma dos arcos. Non esquezades traer a mantiña e a merenda que alí estarán os contos, cantos, monicreques... O acceso é aberto e de balde.
O terceiro martes de agosto Inventi Teatro axudaranos a buscar as "Palabras perdidas"!
A condesa Colorada e o seu axudante Leocadiof son viaxeiros chegados dende moi lonxe. A condesa, unha coñecida contadora con sona internacional, disponse a narrar o seu relato preferido pero, ao abrir o libro, cae na conta de que o seu conto está cheo de buracos. Faltan palabras moi importantes. Faltan palabras como “ganapán”, “vagalume” ou “verme”. As palabras fuxiron da historia, borradas por falta de uso. Só utilizándoas de novo volverán ao conto.