Outubro no Espazo Apego

Coscobellos ao cesto!
Crianzas
28/09/2021

Coscobellos ao cesto!

Gazafellos, biosbardos, cocerellos, pigarzos, coscobellos… Escoistastes falar deles? Estes seres máxicos sons obxecto de conversas, historias, cantigas… mais, ver, ver, disque pouca xente os viu. No coleccionable deste mes damos pé a falar deles e propoñemos varias actividades que vos han divertir ben.

Durante o mes de outubro, no Espazo Apego (rúa da República do Salvador, 12 - entresollado), continúan tamén as actividades para promover o uso do galego na infancia. As propostas ofrecen un tempiño de lecer no que gozar cos contos, a música ou o xogo, á vez que xeran un contexto favorable para conectar coa lingua.

Resumo de actividades:

MARTES. TARDES DE CONTOS (de 0 a 6 anos). Ás 17.30 h

Contos de calquera das maneiras posibles para achegar a cativada á literatura oral e escrita.

Inscrición para o 5 de outubro

Inscrición para o 19 de outubro

Inscrición para o 26 de outubro

 

MÉRCORES. XOGOS DE PALABRAS (de 3 a 6 anos). Ás 17.30 h

As palabras son moitas veces a chave do xogo, sérvennos para establecer as normas, animar, interactuar… Imos poñelo en práctica con ditos e cancións para entreternos, coñecérmonos mellor e relacionarnos.

Inscrición para o 6 de outubro

Inscrición para o 13 de outubro

Inscrición para o 20 de outubro

Inscrición para o 27 de outubro

 

XOVES DE FUNCIÓN. Ás 17.30 h

  • 14 de outubro “Contos, cantos e mais regalos” con Celso F. Sanmartín (a partir de 3 anos).  Un experto contador e colleitador de literatura oral como é Celso vainos achegar unha feixiño de contos, cantigas e mais reflexións para pasar un bo anaco e para enchouparnos de boa lingua.
  • 28 de outubro “Como axudo a Antón?” con Biosbardos Animación (a partir de 3 anos). Escoitaremos a historia de Antón, que aínda que non o está a pasar moi ben na escola, poderá recibir a nosa axuda a través das reflexións que tiraremos. A ilustradora Eva Rieiro complementará a actividade cos seus lindos trazos.

 

XOVES. ENREDANDO (de 2 a 6 anos) Ás 17.30 h

Espazo de entretemento activo no que se promove a socialización e a expresión (verbal, xestual, corporal) manexando ditos, cancións, xogos, xoguetes... os xoves que non temos función:

Inscrición para o 7 de outubro

Inscrición para o 21 de outubro

 

VENRES. OBRADOIROS PARA MEDRAR (familias con crianzas ata os 6 anos). Ás 17.30 h

Obradoiros prácticos sobre diferentes aspectos da crianza que se van desenvolvendo ao longo do mes, cunha sesión semanal. Tratan de temas de especial interese nas idades máis temperás e combinan a aprendizaxe das persoas adultas con actividades para a cativada. Para esta actividade non hai límite no número de persoas adultas por crianza para promovermos a educación familiar.

“O outono e as emocións”

Os venres deste mes reflexionaremos sobre as posibilidades que ofrece a natureza como recurso educativo e sobre como introducir o recoñecemento das emocións básicas nas rutinas diarias.

Para as nenas e nenos:

  • 1 de outubro “A vendima”
  • 8 de outubro “Os froitos de outono”
  • 15 de outubro “As follas do outono I”
  • 22 de outubro “As follas de outono II”
  • 29 de outubro “As emocións”

A inscrición das familias para os obradoiros é única para todo o mes neste formulario. No correo de confirmación indicaranse os sinxelos materiais cos que acudir aos obradoiros.

________________________________

Para poder cumprir as normas de distanciamento, todas as actividades terán un límite reducido de asistentes e precisarán inscrición previa.

O acceso aos formularios de inscrición atópase en cada apartado desta nova e tamén na sección de actividades das webs apego.gal e delingua.santiagodecompostela.gal (onde se irán publicando semana a semana).  O prazo para anotarse remata ás 12 h do día anterior a cada actividade.  As prazas asígnanse por orde de entrada das inscricións e confírmanse mediante unha mensaxe ao correo electrónico facilitado, unha vez pechado o prazo. En caso de que queden prazas libres, o formulario poderá permanecer aberto un día máis pero é preciso asegurase de que se recibiu a confirmación para poder asistir á actividade. 

Para anular a praza ou calquera outra incidencia pregámosvos que enviedes un aviso ao noso enderezo habitual: dlg@santiagodecompostela.gal

Pregamos que nas actividades dirixidas a nenas e nenos acuda como máximo unha persoa adulta por crianza.

O acceso ao espazo abre uns quince minutos antes de cada actividade. Aconséllase acudir con roupa cómoda e é obrigatorio o uso de máscara.

Resumo: 

Coscobellos ao cesto!

Gazafellos, biosbardos, cocerellos, pigarzos, coscobellos… Escoistastes falar deles? Estes seres máxicos son obxecto de conversas, historias, cantigas… mais, ver, ver, disque pouca xente os viu. No coleccionable deste mes damos pé a falar deles e propoñemos varias actividades que vos han divertir ben.

Durante o mes de outubro, no Espazo Apego (rúa da República do Salvador, 12 - entresollado), continúan tamén as actividades para promover o uso do galego na infancia. As propostas ofrecen un tempiño de lecer no que gozar cos contos, a música ou o xogo, á vez que xeran un contexto favorable para conectar coa lingua.