Os Premios Manuel Beiras de aniversario
O Teatro Principal foi o escenario da entrega dos Premios Manuel Beiras, que nesta edición cumpren vinte anos de convocatoria continuada.
A gala, cun formato renovado, estivo conducida polo actor Carlos Blanco, que fixo un percorrido pola riqueza creativa e humorística das cantigas tradicionais e dos ditos populares. A través da voz e da imaxe dos protagonistas tamén se fixo memoria do nacemento dos premios e das empresas recoñecidas ao longo destas dúas décadas.
O vicepresidente da Cámara de Comercio, José Carballo, iniciou as intervencións institucionais lembrando o homenaxeado Manuel Beiras, que tamén foi recordado nas palabras de Valentín García, secretario xeral de Política Lingüística, e de Xosé Sánchez Bugallo, alcalde de Santiago, no seu discurso de peche. Os tres representantes incidiron tamén na consolidación dos galardóns e no valor da lingua para o sector socioeconómico.
A concelleira de Políticas Lingüísticas, Noa Díaz, e o vogal da Cámara, Xavier Freire, como membros do xurado e en nome das dúas institucións convocantes, foron os encargados de entregar as esculturas de Acisclo Manzano, que simbolizan o premio, ás empresas galardoadas deste ano -Strelia Elebrotecnia, polo seu uso continuado da lingua, Númax, como nova incorporación ao galego- é á asociación Cantigas e Agarimos, como distinción especial.
Nas palabras de todos os premiados quedou patente o uso e o compromiso co galego como parte da súa identidade, do mesmo xeito que nos testemuños do resto das empresa que se presentaron na gala.
Máis información e a galería de imaxes na web dos premios e aquí un dos audiovisuais que se proxectaron na gala:
A gala da XX edición dos Premios Manuel Beiras, no Teatro Principal, estivo chea de lembranzas e humor