Premio Manuel Beiras

WEB
Empresas

O Concello de Santiago e a Cámara de Comercio outorgan cada ano, desde o 2000, este recoñecemento a empresas que utilizan o galego no seu funcionamento habitual. O galardón, que ten unicamente contido simbólico, pretende poñer en valor o esforzo que realizan e colaborar a que sexan máis coñecidas polo público.

 

O nome destes premios é unha homenaxe ao comerciante compostelán Manuel Beiras, que foi membro das dúas corporacións convocantes e un destacado defensor da lingua e da cultura galegas.

 

As empresas e comercios seleccionados poden amosar na súa publicidade ou nos establecementos que posúen o premio como unha garantía de que respectan o idioma galego e os dereitos dos falantes e de que apostan por el como parte do servizo que ofrecen.

 

Os premios entréganse nun acto público a finais de cada ano e as empresas que desexen optar a eles poden presentar a candidatura en calquera momento. Só cómpre comunicalo por correo electrónico ao Departamento de Lingua Galega do Concello (dlg@santiagodecompostela.gal). Tamén poden ser propostas por entidades ou persoas particulares.

 

As empresas que concorran poden pertencer a calquera sector da actividade económica. Os únicos requisitos que deben cumprir é estar radicadas en Compostela e facilitar a información necesaria para que o xurado poida avaliar os usos lingüísticos que practican. Esta información pode achegarse coa proposta de candidatura ou facilitala ao Departamento de Lingua cando contacte coa empresa para confirmar o seu interese.

 

O xurado que selecciona as empresas que van ser recoñecidas está formado por cadansúa representación do Concello de Santiago, da Cámara de Comercio, da Secretaría Xeral de Política Lingüística, da Universidade de Santiago, do Colexio Oficial de Xornalistas, dunha asociación de persoas consumidoras, dunha asociación en defensa da lingua e de cada unha das empresas premiadas na edición anterior.

 

En cada convocatoria prémianse empresas en dúas categorías: uso continuado ou nova incorporación ao uso do galego. Ademais, o xurado pode outorgar unha distinción especial a unha persoa ou entidade que destacara pola súa contribución á galeguización do sector socioeconómico, considerado de especial importancia no proceso de normalización do idioma.

Dirixido a: 

Empresas de calquera sector con implantación en Santiago de Compostela.