Convocatoria dos Premios Manuel Beiras 2021

Empresas
Xeral
30/11/2021

Cada ano, nas semanas previas á entrega dos premios Manuel Beiras, desenvólvese unha campaña para lembrar a convocatoria, animar a que se presenten candidaturas e transmitir os obxectivos desta iniciativa que manteñen o Concello de Santiago e a Cámara de Comercio.

Neste 2021, as accións publicitarias xiran arredor do lema "Ti tes o poder" e buscan resaltar a capacidade do público consumidor para influír na escolla lingüística dos negocios, á vez que lles explica a estes que elixindo galego están dándolles valor estratéxico.

 

Todos os items da campaña levan á web onde atopar as bases da convocatoria, información complementaria, vídeos e un histórico dos premios durante estes anos. O enderezo é www.premiosmanuelbeiras.gal.

Mais todo isto non tería sentido sen candidaturas aos premios que o xurado poida avaliar. Como nos anos anteriores, calquera persoa ou entidade pode formular propostas de candidaturas e tamén o poden facer as mesmas empresas candidatas. Teñen de prazo ata o vindeiro 12 de decembro. As categorías, o xurado e demais normas do premio están recollidas nas bases.

A proposta debe achegar, na medida do posible, información sobre a práctica lingüística da empresa. Para facilitar a recollida desta información, as empresas candidatas poden sumarse a #galegoempresas que, ademais de incluír unha autodiagnose lingüística contribúe á súa difusión pública, ou poden elaborar unha pequena memoria, para o que contarán co apoio, se o precisan, do Departamento de Lingua. 

A convocatoria rematará co habitual acto de entrega dos premios ás empresas que o xurado elixa. Está previsto para o 20 de decembro no Teatro Principal, ás 20 h. A gala estará conducida polo actor, guionista e monologuista Federico Pérez e é aberta con reserva previa mediante correo electrónico a comunicación@camaracompostela.org

 

Resumo: 

Recoñecemento aos negocios que converten o galego en estratéxico