Os Premios Manuel Beiras cumpren 20 anos

Empresas
15/11/2019

O Concello de Santiago e a Cámara de Comercio presentaron a convocatorai da XX edición dos Premios Manuel Beiras, dedicados ao uso do galego no ámbito empresarial.

Ao longo das 19 edicións anteriores galardoáronse empresas dos máis diversos sectores e tamén se recoñeceu a achega de persoas e entidades que contribuíron dalgún xeito á normalización da lingua no ámbito socioeconómico, sempre de acordo coas bases que o rexen. En 2019 cúmprense 20 anos de traxectoria continuada deste premio simbólico e xa consolidado.

A convocatoria anual, a través da campaña informativa, da selección de premiados e do contido do acto final, procura poñer de manifesto os aspectos positivos da comunicación comercial en galego en dúas vertentes:

  • De cara ás empresas, para que reparen no a aprecio do público-cliente compostelán polo uso da nosa lingua, asociada a valores como a proximidade, a confianza ou a calidade.

  • De cara á cidadanía en xeral, para destacar os negocios que responden ás expectativas de dar servizo en galego e evidenciar a capacidade que ten, como clientela potencial, para animalos e recompensalos coas decisións de compra.

A selección das empresas, recoñecidas nas categorías de "uso continuado" e "nova incorporación", así como da persoa ou entidade á que se outorga unha distinción especial, realízaa un xurado composto por representantes das dúas institucións organizadoras, Cámara e Concello, ademais da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, da Universidade de Santiago, do Colexio de Xornalistas, de asociacións de consumidores e en defensa da lingua e dos premiados da edición anterior.

Nas semanas previas a que o xurado se reúna para decidir os galardóns desenvólvese unha campaña informativa. Os seus obxectivos son:

  • Reforzar o coñecemento que xa existe sobre o premio e poñer en valor a súa continuidade.

  • Divulgar as bases e convidar a cidadanía e entidades a presentaren as súas propostas de candidatura.

  • Chamar a atención sobre as empresas que empregan o galego como parte do seu servizo e engadir valor a esta aposta fronte ao público potencial.

  • Achegar ao sector empresarial unha mensaxe positiva sobre o rendemento de utilizar o galego na súa comunicación.

Con estas metas, deseñáronse os materiais que ete ano poñen o acento nos vínculos e nas oportunidades que o galego crea para o sector comercial.

Continuará tamén difundíndose o vídeo #traballamosengalego, co que diversas empresas galardoadas testemuñan o seu compromiso co galego nas súas tarefas cotiás.

Para presentar as candidaturas cómpre enviar unha mensaxe ao Departamento de Lingua Galega do Concello (dlg@santiagodecompostela.gal) ou ao Departamento de Comunicación da Cámara (comunicacion@camaracompostela.org). Todas as que se formulen antes do 10 de decembro seranlle transmitidas ao xurado desta edición, que tamén poderá sumar as propias.

Quen formule a proposta (calquera persoa ou entidade ou o propio negocio) debe achegar, na medida do posible, información sobre a práctica lingüística da empresa. Para facilitar a recollida desta información, as empresas candidatas poden sumarse a #galegoempresas (galegoempresas.santiagodecompostela.gal) que, ademais de incluír un autodiagnóstico contribúe á súa difusión pública, ou poden elaborar unha pequena memoria, para o que contarán co apoio, se o precisan, do Departamento de Lingua.

A organización non fai público o nome das empresas que son candidatas, mais elas si poden publicitalo.

O 16 de decembro, ás 20 h, no Teatro Principal, será o acto de entrega dos premios que, co gallo do 20 aniversario da convocatoria, ha estar cheo de lembranzas mais tamén dalgunhas sorpresas.

Resumo: 

Convócase a XX edición dos Premios Manuel Beiras ao uso do galego nas empresas