O 27 de decembro temos unha cita no Festival do Apego 2020

Festival do Apego 2020
Crianzas
27/12/2020

 

O domingo 27 de decembro, no Auditorio de Galicia, vai ter lugar unha das citas máis especiais do ano para as familias de Compostela. As xa tradicionais festas convértense este ano no FESTIVAL DO APEGO. Un elenco de artistas recoñecidos polo público miúdo conformarán un espectáculo inédito para amosar a riqueza das creacións en lingua galega para as crianzas, que é grande e variada.

Trátase dun espectáculo escénico e musical de aproximadamente unha hora de duración, coa participación de dez propostas referentes do panorama artístico para público infantil, introducidas e conducidas por unha presentadora:

Magín Blanco xunto con María Faltri e Jorge Juncal presentarán dúas pezas de Gatuxo, un traballo musical que fomenta o descubrimento do mundo das crianzas dende unha perspectiva artística.

Pablísimo achegará narración cun dos seus contos.

O grupo musical Golfiños tamén participará en formato dúo con temas para practicar as rutinas do día con moito ritmo. Presentará ademais unha peza inédita sobre os nomes dos días da semana.

Con Po e Xía as AldaoLado, Lucía Aldao e María Lado, farán a súa achega poético-musical para o público miúdo. Todos e todas podemos ser poetas.

Desde as montañas do Courel vaise achegar o Apalpador no corpo de Anxo Moure. Un vello carboeiro que traía castañas asadas ás crianzas que tiñan fame nos tempos de inverno e que tamén nos traerá un conto sobre as riquezas da natureza.

Xarope Tulú presentaranos unha peza de narración oral con música en directo “Salvaxe”.

Pakolas trae ao festival unha das músicas do seu novo traballo Ramona Órbita, que chega acompañada das ilustracións de Laura Romero para a ocasión.

Pablo Díaz coa canción que lle dá nome ao seu traballo musical Coas miñas mans aprenderanos a xogar con elas e a cantar todas as posibilidades que ofrecen.

Mamá Cabra, o grupo musical pioneiro na produción de espectáculos musicais para público infantil formará parte do festival coa presenza das súas impulsoras: Gloria Mosquera e Tomi López. Estrearán una cantiga de Nadal con reflexións sobre o coidado da Terra.

Da presentación do festival encargarase Iria Pinheiro, actriz, música e unha referencia das das artes galegas.

Fantoches Baj participará da man de Inácio Vilariño e o seu xigante Zampón Comeletras que achega a manipulación de bonecos.

 

O evento abrirase ao número de persoas que as normas en vigor permitan e de acordo cos protocolos que rexen o funcionamento do Auditorio de Galicia con reserva previa de entradas en compostelacultura.gal desde o día 18 de decembro ás 10 h para a versión presencial. Prégase que se atenda con coherencia ao agrupamento de asentos na reserva e que, como máximo, acuda unha persoa adulta por crianza. Ademais, transmitirase por streaming desde as canles de Youtube do Concello de Santiago e mais do Departamento de Lingua Galega DLG Compostela para quen non poida estar no Auditorio e para toda Galicia.

Paralelamente gravaranse e editaranse nove pezas audiovisuais para fornecer como recursos permanentes na rede. Cada unha delas incluirá unha peza musical, unha pequena representación ou un conto que contribúa ao reforzo de referentes culturais actuais e en galego e a incorporar novo contido ao Programa Apego. Estas pezas estarán introducidas por cadansúa animación do polbo Po que é o elemento identificador do Programa Apego e que tanto nos achega á nosa raíz.

Resumo: 

Un gran espectáculo para o público miúdo da familia do Apego.