Novembro no Espazo Apego

Picheis para encher nos pichos!
Crianzas
29/10/2021

Picheis para encher nos pichos!

Seguro que xa sabedes que a xente de Compostela tamén se coñece coño “picheleira”, non si? Para as máis miúdas que, se cadra, non escoitaron aínda este alcume, o motivo é o pichel, un recipiente con tapa e asa que se fabricaba desde antigo na nosa cidade, de xeito artesán, por un bo número de profesionais do estaño.

Hai tamén quen, no canto de picheleiras nos chama “picholeiras”, mais isto disque é polos pichos de auga que temos por toda a cidade adiante, para que picheleiras e picheleiros non pasemos sede.

A proposta coleccionable deste mes invítanos dar unha voltiña polas fontes compostelás que iremos atopando ao resolver as adiviñas e, de paso, contarlles ás crianzas a nosa historia picheleira.

 

Espazo Apego (rúa da República do Salvador, 12 - entresollado), acolle as actividades semanais que xera o programa Apego en Santiago para promover o uso do galego na infancia. As propostas ofrecen un tempiño de lecer no que gozarmos cos contos, a música ou o xogo, á vez que xeran un contexto favorable para conectar coa lingua.

Resumo de actividades:

MARTES. TARDES DE CONTOS (de 0 a 6 anos). Ás 17.30 h

Contos de calquera das maneiras posibles para achegar a cativada á literatura oral e escrita.

Inscrición para o 2 de novembro

Inscrición para o 9 de novembro

Inscrición para o 16 de novembro

Inscrición para o 23 de novembro

Inscrición para o 30 de novembro

 

MÉRCORES. XOGOS DE PALABRAS (de 3 a 6 anos). Ás 17.30 h

As palabras son moitas veces a chave do xogo, sérvennos para establecer as normas, animar, interactuar… Imos poñelo en práctica con ditos e cancións para entreternos, coñecérmonos mellor e relacionarnos.

Inscrición para o 3 de novembro

Inscrición para o 10 de novembro

Inscrición para o 17 de novembro

Inscrición para o 24 de novembro

 

XOVES DE FUNCIÓN. Ás 17.30 h

  • 11 de novembro  “UMU_Música e ritmo para bebés” con María Move (0-3 anos).  Actividade onde a música, o ritmo e a fala van acompañar o medrar dos máis pequenos. Danzaremos marcando o pulso da música e mais da pegada do ritmo logo dunha escoita activa.
  • 25 de novembro “Historias de bichocos” con Bicharracos Teatro (a partir de 3 anos). Espectáculo de contos, títeres e cancións onde reflexionar sobre o importante que é a lectura e como recurso para poder expresarnos ben.

 

XOVES. ENREDANDO (de 2 a 6 anos) Ás 17.30 h

Espazo de entretemento activo no que se promove a socialización e a expresión (verbal, xestual, corporal) manexando ditos, cancións, xogos, xoguetes... os xoves que non temos función:

Inscrición para o 4 de novembro

Inscrición para o 18 de novembro

 

VENRES. OBRADOIROS PARA MEDRAR (familias con crianzas ata os 6 anos). Ás 17.30 h

Obradoiros prácticos sobre diferentes aspectos da crianza que se van desenvolvendo ao longo do mes, cunha sesión semanal. Tratan de temas de especial interese nas idades máis temperás e combinan a aprendizaxe das persoas adultas con actividades para a cativada. Para esta actividade non hai límite no número de persoas adultas por crianza para promovermos a educación familiar.

“A educación emocional”

Os venres deste mes afondaremos no mundo das emocións. A intelixencia emocional ten que ver con como unha persoa se sente e controla as súas emocións. A educación emocional vai influír na totalidade da vida dunha persoa e é por iso que na familia ocupa un lugar fundamental. Actividade guiada pola Asociación Antonio Gandoy.

Para as nenas e nenos:

  • 5 de novembro. Recoñecer as emocións básicas co reloxo das emocións
  • 12 de novembro. Xogos xestuais para recoñecermos as emocións
  • 19 de novembro. O medo e os medos á hora e educar
  • 26 de novembro. Como afrontamos unha perda?

A inscrición das familias para os obradoiros é única para todo o mes neste formulario. No correo de confirmación indicaranse os sinxelos materiais cos que acudir aos obradoiros.

________________________________

Todas as actividades precisarán inscrición previa.

O acceso aos formularios de inscrición atópase en cada apartado desta nova e tamén na sección de actividades das webs apego.gal e delingua.santiagodecompostela.gal (onde se irán publicando semana a semana).  O prazo para anotarse remata ás 12 h do día anterior a cada actividade.  As prazas asígnanse por orde de entrada das inscricións e confírmanse mediante unha mensaxe ao correo electrónico facilitado, unha vez pechado o prazo. En caso de que queden prazas libres, o formulario poderá permanecer aberto un día máis pero é preciso asegurase de que se recibiu a confirmación para poder asistir á actividade. 

Para anular a praza ou calquera outra incidencia pregámosvos que enviedes un aviso ao noso enderezo habitual: dlg@santiagodecompostela.gal

Pregamos que nas actividades dirixidas a nenas e nenos acuda como máximo unha persoa adulta por crianza.

O acceso ao espazo abre uns quince minutos antes de cada actividade. Aconséllase acudir con roupa cómoda e é obrigatorio o uso de máscara.

Resumo: 

Picheis para encher nos pichos!