Máis de 400 familias do Apego en Compostela!

Crianzas
25/03/2019

Xa van alá catro anos da posta en marcha do proxecto Apego, o programa cooperativo de varios concellos para promover e apoiar o uso da lingua galega na primeira infancia.

O Concello de Santiago desenvólveo desde o seu comezo (2015) nas tres vías en que se fundamenta: achégalles información e argumentos ás familias que se inscriben, apóiaas con actividades e recursos e crea redes e comunidade con valores que promoven a lingua.

Pódese afirmar que se trata dun programa moi ben acollido na medida en que responde ás demandas dun gran número de familias. Conta con máis de 400 familias compostelás inscritas nesta altura, que participaron en preto de 80 actividades de lecer, formación e información no tempo que se leva de andaina.

A razón básica pola que se incide no traballo no sector familiar é a alarma que achegan as últimas enquisas demolingüísticas, que amosan que o retroceso do galego é cada vez máis acelerado e onde se están evidenciando dúas dificultades moi relevantes: a ruptura da transmisión interxeracional e o uso decrecente do galego na poboación máis nova. 

Desde o proxecto Apego quérese facer ver a oportunidade e o positivo que resulta falarlles galego aos fillos e fillas desde que nacen e, tal e como están as cousas, a única garantía de que o adquiran (sen prexuízo da doada aprendizaxe da outra lingua oficial e doutras estranxeiras) para poderen gozar da liberdade de escolla nun futuro.

Non nos cansamos de lembrar que só se pode avanzar no ben común, o da mellora dos datos de uso e mais na competencia dos nenos e nenas nunha lingua na que terán a oportunidade e necesidade de desenvolverse na súa vida, co pequeno e gran compromiso que supón falar na casa en galego.

Resumo: 

O Concello de Santiago desenvólveo desde o seu comezo (2015) nas tres vías en que se fundamenta: achégalles información e argumentos ás familias que se inscriben, apóiaas con actividades e recursos e crea redes e comunidade con valores que promoven a lingua.