Tempo de Samaín no Espazo Apego
Durante o mes de novembro no Espazo Apego haberá espectáculos, contos, cociña, experimentos, visita de Dornavela Edicións... Vivimos o Samaín con gargalladas terroríficas!
A proposta de actividades do mes de santos no Espazo Apego ten xa abertos os formularios de inscrición previa. O día anterior sobre as 12 h recibirase un correo coa confirmación da praza, xusto despois de rematar o prazo de inscrición.
A lingua medra
Luns / 17 h / Espazo Apego
Os diferentes contextos da vida teñen o seu espazo cada luns arredor do xogo, da experimentación, do coñecemento… Cada semana o enfoque será diferente: cociñarase no espazo Merendolas; a psicomotricidade será a guía en Movéndonos con Apego; realizaremos unha actividade interxeracional coa visita Dornavela Edicións en Quen vén?; e a ciencia será a protagonista en Experimentamos. De 17 a 19 h para 2-6 anos. O correo de confirmación da praza neste caso recibirase o venres previo á actividade, ao rematar o prazo de inscrición.
Luns 4. Merendolas: merenda terrorífica (arañas e momias… xa chega o Samaín!)
Luns 11. Movéndonos con Apego
Luns 18. Quen vén? Dornavela Edicións
Luns 25. Experimentamos
Tardes de contos
Martes / 17 e 18.15 h / Espazo Apego
Un tempo para entrar nos contos e imaxinar a partir deles, aprendendo cada vez máis palabras para entender o mundo. As actividades desenvólvense cada semana arredor dun centro de interese diferente, arredor dunha temática mensual e en dous horarios: de 17 a 18 h para 0 a 3 anos e de 18.15 a 19.15 h para 3 a 6 anos.
Martes 5
Martes 12
Martes 19
Martes 26
Enredando e lingoretando
Mércores / 17 h / Espazo Apego
Un espazo de entretemento activo arredor do xogo, libre ou guiado. A socialización en galego é o obxectivo e a imaxinación e os valores da amizade e a cooperación serán as ferramentas. A actividade contará con dous grupos diferenciados: para 3-6, sen acompañamento dunha persoa titora, e para 0-3 con acompañamento. Nos dous casos o horario será de 17 a 19 h. Iranse incorporando temas e materiais relacionados coas festividades, o medio natural, a contorna inmediata etc., para propiciar a interacción.
Mércores 6. Xogamos coas palabras
Mércores 13. Fabricamos xoguetes
Mércores 20. Imos ao patio
Mércores 27. Xincana de palabras
Tachán!
Xoves cada quince días / 18 h / Espazo Apego
Contactamos co acervo e a cultura mediante a oferta de espectáculos ou contidos executados por especialistas e en diversos formatos.
Xoves 14. Caldo con unto e ósos de defunto, de Ángeles Goas (de 3 a 6 anos)
Caldo con unto e ósos de defunto é unha sesión de contos para vivos que se acordan de mortos. Contos que queren ser de medo pero que tamén dan risa. Está indicada para valentes e non tan valentes porque entre os sustos tamén haberá algunha que outra gargallada.
Xoves 28. Animais encantados, de Sonsoles Penadique e Carla Cecilia Riquelme (de 6 meses a 4 anos)
Con este espectáculo de música e danza traemos un feixe de animais encantados, que non inventamos para a ocasión: existen na tradición galega, europea e suramericana desde tempos inmemoriais. O que teñen en común estes animais é que todos están dobremente encantados: encantados pola súa maxia e encantados de cantar, bailar, contar e xogar coas crianzas.
Durante o mes de novembro no Espazo Apego haberá espectáculos, contos, cociña, experimentos, visita de Dornavela Edicións... Vivimos o Samaín con gargalladas terroríficas!