V Premio Mil Primaveras polo programa Elos
A tardiña do sábado, 8 de xuño, o Salón de Actos do Pazo de Cultura de Pontevedra foi o escenario do acto de entrega da quinta edición dos Premios Mil Primaveras, convocados pola Coordinadora de Traballadores e Traballadoras de Normalización Lingüística (CTNL) para recoñecer e difundir proxectos que poñen en valor e fomentan lingua e incrementan o seu uso e prestixio. Colaboraron nos premios e na cerimonia de entrega a Deputación Provincial de Pontevedra e o Concello de Pontevedra. O Concello de Santiago de Compostela recibiu un deles polo programa de intercambio lingüístico Elos. Engánchate ao galego!
A presidenta do xurado, Paula Soto, foi presentando cada un dos proxectos premiados e os méritos valorados polo xurado:
Aquí tamén se fala, proxecto nacido en 2023 no IES Rafael Dieste da Coruña, que busca activar a implicación do alumnado para concienciar o conxunto da sociedade sobre o uso da lingua.
CeibaRimas, un proxecto da produtora audiovisual Merenda Creativa que procura dinamizar o uso do idioma nas artes entre a mocidade.
Recuncho Gamer, un proxecto audiovisual que procura divulgar de forma amena contido sobre videoxogos, entendéndoos como un produto cultural no cal converxen moitas artes.
Elos. Engánchate ao galego!, o programa de voluntariado lingüístico impulsado polo Departamento de Lingua Galega do Concello de Santiago de Compostela co obxectivo de reforzar con conversa informal a formación do alumnado que se achega ao galego desde outras linguas. Este programa de parellas lingüísticas naceu da necesidade do propio alumnado que, tendo interese por perfeccionar e practicar as estratexias orais, non encontraba ámbitos de uso que llo facilitasen, e o Departamento de Lingua soubo dar resposta a esta necesidade cun proxecto que promove o intercambio e a integración.
Parabéns para todos os proxectos premiados e para o noso tamén!
Recoñecemento por un programa replicable