Proposta con Apego para o mes de abril

Crianzas
25/03/2022

A lectura é beneficiosa para desenvolver mellor as habilidades lingüísticas, para fomentar o interese polo coñecemento, para aumentar a concentración, para desenvolver a imaxinación e a creatividade, para crear vínculos, para entreternos… Transmitámoslles o gozo pola lectura non só o 23 de Abril, Día Internacional do Libro, senón tamén todos os días do ano.

A asociación Gálix promove a lingua e a cultura galegas a través da literatura infantil e xuvenil. A partir da súa páxina pódese acceder a un feixe de recursos relacionados cos libros para a infancia.

Na actividade semanal do mes de abril, o  Espazo Apego (rúa da República do Salvador, 12 - entresollado), acolle as propostas que xera o programa Apego en Santiago para promover o uso do galego na infancia. Un tempo de lecer no que gozarmos cos contos, a música ou o xogo, á vez que xeramos un contexto favorable para conectar coa lingua.

 

Resumo de actividades semanais e formularios de inscrición:

MARTES.

TARDES DE CONTOS (de 0 a 3 anos). Ás 17 h

Contos de calquera das maneiras posibles para achegar a cativada á literatura oral e escrita.

Inscrición para o 5 de abril (0-3 anos)

Inscrición para o 19 abril (0-3 anos)

Inscrición para o 26 de abril (0-3 anos)

TARDES DE CONTOS (de 3 a 6 anos). Ás 18.15 h

Inscrición para o 5 de abril (3-6 anos)

Inscrición para o 19 abril (3-6 anos)

Inscrición para o 26 de abril (3-6 anos)

 

MÉRCORES. TARDES XOGANTINAS (de 3 a 6 anos sen acompañamento adulto) Ás 17.30 h

Retomamos a exitosa proposta das Tardes xogantinas! Un  tempo de xogo colectivo no que aprender e experimentar en grupo e coa lingua galega como vehículo e como elemento de  cohesión e acceso ao patrimonio lúdico tradicional. Guía a actividade Xandobela.

Inscrición para o 6 de abril

Inscrición para o 20 de abril

Inscrición para o 27 de abril

 

XOVES DE FUNCIÓN. Ás 17.30 h

  • 7 de abril “Ramona Órbita, a dona do tempo” con Pakolas (+ 3 anos). Concerto cheo de humor no que coñeceremos as aventuras de Ramona Órbita e a súa máquina do tempo e co que aprenderemos, cantaremos e gozaremos a ritmo roqueiro.
  • 21 de abril “Na granxa de Perico” con Ana Facchini (0-3 anos). Combinación de pequenas historias para as primeiras idades con retrousos, cantigas, xogos de man e de faldra, poemas e obxectos. Os animais e o coñecemento do mundo natural e das tradicións protagonizarán esta sesión de encantacontos.

XOVES. LINGORETADAS (de 2 a 6 anos) Ás 17.30 h

Espazo de entretemento activo no que se promove a socialización e a expresión (verbal, xestual, corporal) manexando ditos, cancións, xogos, xoguetes... os xoves que non temos función:

Inscrición para o 28 de abril

 

VENRES. OBRADOIROS PARA MEDRAR (nais, pais ou persoas adultas coidadoras de crianzas ata os 6 anos). Ás 17.30 h

Obradoiros prácticos sobre diferentes aspectos da crianza que se van desenvolvendo ao longo do mes, cunha sesión semanal. Trátanse temas de especial interese nas idades máis temperás e combínase a aprendizaxe das persoas adultas coas actividades para a cativada. Para esta actividade non hai límite no número de persoas adultas por crianza para promovermos a educación familiar.

Este mes ofrécense obradoiros formativos para as persoas implicadas na crianza e actividades lúdicas simultáneas para as crianzas que o desexen na sala anexa.

 “A autonomía e a educación emocional”

As crianzas nacen totalmente dependentes das persoas adultas, pero a medida que van desenvolvéndose deben medrar en autonomía e neste eido a familia ocupa un lugar fundamental. No primeiro bloque de obradoiros vaise reflexionar, ademais sobre un aspecto concreto cara á independencia no proceso de retirar o cueiro.

As emocións desempeñan un papel importante na vida, por iso é importante saber como se desenvolven e como afectan as adaptacións persoais e sociais. O segundo bloque de contido tratará sobre o desenvolvemento emocional ou afectivo no proceso de construción da identidade: a autoestima, a confianza, as interaccións cos pares significativos…

1 de abril: Da dependencia á autonomía

8 de abril: Sacamos o cueiro?

22 de abril: Educar os afectos

29 de abril: Como traballar as emocións en situacións concretas coas crianzas?

A inscrición das familias para os obradoiros é única para os venres 1, 8, 22 e 29 de abril neste formulario.

 

 

________________________________

Todas as actividades precisarán inscrición previa.

O acceso aos formularios de inscrición atópase en cada apartado desta nova e tamén na sección de actividades das webs apego.gal e delingua.santiagodecompostela.gal (onde se irán publicando semana a semana).  O prazo para anotarse nas actividades do Espazo Apego remata ás 12 h do día anterior a cada actividade.  As prazas asígnanse por orde de entrada das inscricións e confírmanse mediante unha mensaxe ao correo electrónico facilitado, unha vez pechado o prazo. En caso de que queden prazas libres, o formulario poderá permanecer aberto un día máis pero é preciso asegurase de que se recibiu a confirmación para poder asistir á actividade. 

Para anular a praza ou calquera outra incidencia pregámosvos que enviedes un aviso ao noso enderezo habitual: dlg@santiagodecompostela.gal

Pregamos que nas actividades dirixidas a nenas e nenos acuda como máximo unha persoa adulta por crianza.

O acceso ao espazo abre uns quince minutos antes de cada actividade. Aconséllase acudir con roupa cómoda e é obrigatorio o uso de máscara.

Resumo: 

En abril lemos, contamos, cantamos, xogamos... sempre con moooito Apego!