Obradoiros para o Apalpador

Apalpador
Crianzas

Este mes, a Asociación Semente Compostela achégase ao Espazo Apego para ir preparándonos para as festas do Nadal arredor da figura do Apalpador cunha serie de obradoiros creativos. Este sábado haberá:

11 h Obradoiro de cartas ao Apalpador. O escritor Séchu Sende presentará a figura do Apalpador, do Courel e do seu mundo. A partir de aí, abordará a maneira na que as crianzas poden comunicarse co Apalpador e a relación deste personaxe coas palabras. Aprenderemos a canción do Apalpador. Por que escribirlle ao Apalpador? Para rematar dará unhas breves instrucións para enviar as cartas (40 prazas)

12 h Obradoiro de creación artística de cartas ao Apalpador. Neste obradoiro escribirémoslle unha postal ao Apalpador. Inspirándose no traballo de Sonia Delaunay, a artista Mirari Urruzola guiará a actividade onde se usarán anacos de cartolina de distintas formas e cores para elaborar os personaxes e espazos onde habitamos. Deste xeito podemos contarlle ao Apalpador quen somos e onde vivimos. Na outra cara da postal escribiremos a nosa carta e mesmo podemos inventar unha nova tipografía con cartolinas negras cortadas en forma de cadrado, rectángulo ou círculo.  A intención do obradoiro é fuxir de imaxes e esquemas predefinidos que proveñen do mundo adulto e que, ao ser alleos á expresividade singular e natural das experiencias infantís, limitan a libre expresión da súa creatividade (25 prazas)

O prazo para anotarse remata ás 12 h do día anterior á actividade. Ambos os obradoiros teñen formularios de inscrición independentes.  As prazas asígnanse por orde de entrada das inscricións e confírmanse mediante unha mensaxe ao correo electrónico facilitado, unha vez pechado o prazo. 

Para anular a praza ou calquera outra incidencia pregámosvos que enviedes un aviso ao noso enderezo habitual: dlg@santiagodecompostela.gal

Para crianzas de 3 a 8 anos (as menores de 5 acompañadas dunha persoa adulta)

Aconséllase acudir con roupa cómoda e é obrigatorio o uso de máscara de 6 anos en diante.

Dirixido a : 
Para crianzas de 3 a 8 anos (as menores de 5 anos acompañadas dunha persoa adulta)
Data, hora e lugar: 
Sáb, 11/12/2021 - 11:00
Espazo Apego
Prazas: 
40 e 25