O Apego no mes de xuño
De lavar vén ela… no Sar e no Sarela!
Cunha cesta de roupa na cabeza camiñaban as lavandeiras cara á beira do río… Seguro que outras lavandeiras con plumas e peteiro seguen aínda hoxe a parolar coa auga. É por iso que este mes propómosvos visitar os lavadoiros restaurados cos que conta Compostela e aproveitar para observar toda a vida do río. E… que vos parece se para preparar a visita falamos da bogada cun crebacabezas ben divertido? Tédelo no coleccionable que vai xunto co calendario para anotar as inscricións nas actividades propostas!
Actividades no Espazo Apego (rúa da República do Salvador, 12 – entresollado)
MARTES. Tardes de contos (de 0 a 6 anos). Ás 17.30 h. Contos de calquera das maneiras posibles para achegar a cativada á literatura oral e escrita.
MÉRCORES. Xogos de palabras (de 3 a 6 anos). Ás 17.30 h. As palabras son moitas veces a chave do xogo, sérvenos para establecer as normas, animar, interactuar… Imos poñelo en práctica con ditos e cancións para entreternos, coñecérmonos mellor e relacionarnos.
XOVES. Imos propoñendo, de xeito alterno por semanas, una función ou un obradoiro Enredando.
Xoves de función ás 17.30 h:
- 10 de xuño “Xogos musicais coa palabra” con Mirari Urruzola de Teatro Babaluva (a partir de 2 anos). Ilustrarase un conto cos recursos sonoros máis próximos e familiares… Aprenderemos con que pouca cousa podemos facer música!
- 24 de xuño "A loba Antea" con A Teta dos Contos (a partir de 3 anos). Pequena peza de teatro de monicreques musicado onde reflexionar sobre a importancia de vivirmos en harmonía co medio natural.
Xoves en que non hai función ás 17.30 h:
Enredando (de 2 a 6 anos). Espazo de entretemento activo no que se promove a socialización e a expresión (verbal, xestual, corporal) manexando ditos, cancións, xogos, xoguetes...
VENRES. Obradoiros para medrar (familias con crianzas ata os 6 anos). Ás 17.30 h. Obradoiros prácticos sobre diferentes aspectos da crianza en paquetes mensuais para irmos tratando e afondando en temas de especial interese nas idades máis temperás. Combinamos o seu xogo coa nosa aprendizaxe. Para estas actividades non hai límite no número de persoas adultas por crianza para promovermos a educación familiar.
Os venres deste mes mostraranse formas de "Enredar e aprender coas tarefas da contorna e da vida cotiá" co fin de facer partícipes as crianzas e desenvolver unha parentalidade positiva arredor do día a día.
A inscrición para os venres 4, 11, 18 e 25 do mes de xuño faise a través do seguinte formulario. No correo de confirmación indicaranse os sinxelos materiais cos que acudir aos obradoiros.
Para poder cumprir as normas de distanciamento, todas as actividades terán un límite reducido de asistentes e precisarán inscrición previa nesta mesma páxina web do Departamento de Lingua Galega do Concello de Santiago. Pregamos que, como máximo, acuda unha persoa adulta por crianza.
Para anotarse cómpre entrar ir á sección de actividades, entrar na escollida, premer no formulario de inscrición e cubrilo. Os formularios estarán habilitados desde unha semana antes de cada convocatoria ata o día anterior á súa data. As prazas iranse asignando por orde de entrada e confirmaranse mediante unha mensaxe ao correo electrónico facilitado. En caso de querer anular a inscrición, para facilitar que acuda outra persoa da listaxe de agarda, pregámosvos que enviedes un aviso ao noso enderezo habitual: dlg@santiagodecompostela.gal
Para poder seguir as normas de hixienización o acceso ao espazo comezará arredor de quince minutos antes de cada actividade. Na sala de actividades éntrase sen calzado (aconséllase acudir con calcetíns grosos e con roupa cómoda). É obrigatorio o uso de máscara.
Unha das nosas propostas coleccionables cun calendario de actividade para todo o mes.