Comeza o outono con Apego (actividades setembro e outubro 2020)

Crianzas
28/08/2020

Despois das vacacións do verán o Espazo Apego volve abrir as súas portas para acoller nunha contorna segura as actividades infantís que nos achegan á raíz, ao amor ao propio, á lingua… A programación, continuada, de martes a venres resúmese a seguir:

Tardes de contos (para crianzas de 0 a 3 anos). Todos os martes de 17 a 18.30 h (o acceso ao espazo comezará a partir das 16.40 h). Contos lidos, contos musicais, avoas que contan, visitas de autores, construción de poemas, dramatizacións… un tempo no que achegarse á literatura oral e escrita!

A familia vai á escoliña! (para nais, pais ou persoas encargadas da crianza ata os 6 anos). Todos os mércores ás 17.30 h. Charlas e obradoiros prácticos sobre diferentes aspectos da crianza:

  • /node/1762 de setembro. Construíndo minimundos (familias con crianzas de 4 a 8 anos). Obradoiro e espazo de xogo para gozar e reflexionar ao mesmo tempo sobre a importancia do xogo libre.
  • 9 de setembro. Obradoiro de masaxe e xogo sensorial (familias que teñan un bebé de 0 a 8 meses ou que o estean agardando). Falarase dos beneficios da masaxe infantil a partir da práctica, da importancia do xogo e do movemento libre…
  • 16 de setembro. Abrindo camiño: sexualidade infantil (para nais e pais con crianzas de 0 a 6 anos). Faladoiro onde compartir temas… Como falar de sexualidade? Que contar e cando? O paradoxo de “non facer educación sexual”, erótica infantil vs. erótica adolescente…
  • 23 de setembro. O apoio á lactación materna (para embarazadas ou nai lactantes). Faladoiro onde compartir experiencias e exemplos prácticos co asesoramento da asociación pro lactación materna Mámoa no seu 20 aniversario.
  • 30 de setembro. A exploración libre para as crianzas (para familias con crianzas entre 8 meses e 5 anos). A familia poderá descubrir provocacións facilmente replicables ao tempo que reflexionar sobre como se desenvolve o xogo das súas crianzas.
  • 7 de outubro. Xogo libre e material non estruturado (para familias con crianzas de 0 a 6 anos). O xogo libre proporciona grandes doses de autonomía e confianza nas crianzas.
  • 14 de outubro. Ideas para medrar en igualdade (para familias con crianzas de 0 a 6 anos ou que agardan un bebé). Faladoiro en que se analizará a importancia da imaxe, da linguaxe, do xogo e dos xoguetes que poñemos á súa disposición… na importante tarefa de educar en valores.
  • 21 de outubro/node/176. O programa Apego: información, recursos e actividades para criar en galego (para familias con crianzas de 0 a 6 anos ou que agardan un bebé). Preséntanse algunhas ferramentas e redes útiles para soster e arroupar a crianza en lingua galega.
  • 28 de outubro. A vaca Paca cóntanos en que consiste a enfermidade celíaca (para familias con crianzas de 0 a 6 anos e que están agardando). A dieta libre de glute é o tratamento que hai que seguir pero… Que é o glute? Que alimentos o conteñen? Cales son estratexias para evitar a contaminación cruzada?

Enredando.  Espazo de entretemento activo en que se promove a socialización e a expresión verbal, xestual, corporal… manexando ditos, cancións, xogos, xoguetes…: 

  • Os mércores , só para cubrir a conciliación da charla que se desenvolve de forma paralela no caso de que as persoas asistentes o precisaren para crianzas de 2 a 6 anos.
  • Os xoves de 17 a 18.30, cando non hai función (semanas alternas) para nenas e nenos entre 3 e 6 anos.

Os xoves función! (para crianzas ata os 6 anos). Os xoves alternos ás 17.30 h. Representacións teatrais, musicais, contacontos, sensoriais… guiadas por artistas especializados.

  • 3 de setembro. A estimulación musical temperá con Leticia Falcón (de 3 a 6 anos). Traballar a música, así como a lingua primeira, fomenta a aprendizaxe dun xeito natural e achégalles ás crianzas unha experiencia rica tanto no vocabulario da nosa lingua como na linguaxe sonora.
  • 17 de setembro. Cantacontos para bebés con Pablo Díaz (de 0 a 4 anos). Viaxe a través dos contos coa música como fío condutor onde se tratan temas e rutinas adaptadas para as crianzas.
  • 24 de setembro. Nano vai á escola con Raquel Queizás (de 0 a 4 anos). Os nanocontos relatan a vida da ra Nano. Desta volta tocaralle ir á escola, ese lugar tan diverso onde a seguridade de ter personalidade e lingua propia van ser un gran apoio!
  • 1 de outubro. Contando números, cantando cores con Pablo Díaz (de 3 a 6 anos). Desta volta reflexionaremos sobre a igualdade de oportunidades entre nenos e nenas, entre maiores e pequenas, sobre a equidade e sobre o respecto ás persoas desde o comezo das nosas vidas.
  • 15 de outubro. O xogo de Nano con Raquel Queizás (de 0 a 4 anos). Neste nanoconto, Nano recibirá unha visita moi especial o día do seu aniversario. Está todo preparado: a torta, as candeas, os globos…
  • 29 de outubro. Brinca vai! con Paco Nogueiras (a partir de 3 anos). Música para encher un camiño con pasos grandes, pasos pequeniños, con carreiras de chimpos, con risas, con bailes, con con notas…

Xogos de palabras (para crianzas de 3 a 6 anos). Os venres de 17 a 18.30 h. Xogar coa palabra falada e cantada para entreterse é un costume moi arraigado na crianza tradicional. Coñecer a contorna a través das palabras e aprender a relacionarse vén en parte dado por estes xogos.

Para poder cumprir as normas de distanciamento todas as actividades do Espazo Apego terán un límite reducido de asistentes e precisarán inscrición previa en dlg@santiagodecompostela.gal (nome completo, idade de cada unha das persoas asistentes e teléfono de contacto). O prazo de inscrición en cada actividade abrirá unha semana antes (ás 00 h do día correspondente da semana anterior).

Para poder seguir as normas de hixienización o acceso ao espazo comezará arredor de vinte minutos antes de cada actividade. Na sala de actividades entrarase sen calzado (aconséllase acudir con calcetíns grosos e roupa cómoda). Será obrigatorio o uso de máscara.

 

Resumo: 

Actividades infantís no Espazo Apego todos os días de luns a venres, con inscrición previa.